Bugallo comprométese a rematar os accesos á intermodal o vindeiro 1 de agosto

Bugallo comprométese a rematar os accesos á intermodal o vindeiro 1 de agosto
Bugallo comprométese a rematar os accesos á intermodal o vindeiro 1 de agosto

En relación a esta actuación, o alcalde indicou que se está cumprindo calendario previsto e agarda que "a obra poida ser adxudicada antes de final de ano e comezarse a principios de ano"

A Xunta de Goberno acordou este luns o nomeamento dun comité de expertos que se encargará de valorar as ofertas presentadas para a reurbanización da rúa de Clara Campoamor. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, expresou a súa confianza en que as obras desta vía, que dará acceso á futura intermodal, poidan comezar a principios de ano.

O comité estará integrado por Lourdes Pérez Castro, arquitecta e directora da Oficina Técnica do Consorcio; José Luís López Cousillas, xefe do Servizo de Obra e Edificación da Axencia Galega de Infraestruturas, e José Manuel González García, vicesecretario do Concello de Santiago. Será este comité o encargado de realizar unha proposta entre as ofertas realizadas, que logo das correspondentes mesas de contratación se someterá á aprobación da Xunta de Goberno.

En relación a esta actuación, o alcalde indicou que se está cumprindo calendario previsto e agarda que "a obra poida ser adxudicada antes de final de ano e comezarse a principios de ano". Neste sentido, Sánchez Bugallo segue marcando o 1 de agosto como a data na que estes accesos á intermodal deberían estar rematados, ao igual que as obras da intermodal e da pasarela peonil, co obxectivo de que "en setembro estean operativos".

Indicou o alcalde que as obras da intermodal "van adiantadas aos prazos previstos" e que os traballos da pasarela peonil transcorren "nos prazos previstos". Non obstante, lembrou que, no caso da pasarela, "ese é o prazo que se marcou a Xunta, porque en realidade ten de prazo ata decembro". En calquera caso, reiterou esa data do 1 de agosto para ter listas as tres infraestruturas, porque "non se pode poñer en marcha ningunha sen as outras".

Piscina de Santa Isabel

A proposta do concelleiro d Obras, adxudicouse a adecuación da instalación eléctrica da piscina e do ximnasio de Santa Isabel, por un importe de 70.311,91 (IVE incluído). No seu día, a instalación dun equipo para evitar condensacións na piscina incrementou notablemente a potencia demandada pola instalación, polo que se complementou a alimentación de enerxía dende as instalacións do campo de fútbol e dende o polideportivo. A adecuación que agora sae a licitación ten por obxecto realizar a separación de instalacións eléctricas, de tal xeito que a piscina conte cun único punto de subministro de enerxía.

Finca do Espiño

No ámbito da mesma Concellaría, iniciouse o expediente de imposición de penalidades polo 3% do orzamento base de licitación contra a empresa Proyecon Galicia, SA, por ter retirado a súa oferta unha vez se lle adxudicaron as obras de rehabilitación da Finca do Espiño para equipamento municipal cultural e administrativo. Explicou o alcalde que fora a única empresa que se presentara ao procedemento, polo que "se sacará de novo a concurso, recalculando o proxecto e a súa dotación económica, porque non parece lóxico que a este concurso se presentara unha única empresa". O expediente, previa audiencia á empresa, podería rematar, segundo indicou Sánchez Bugallo, coa sanción económica e coa prohibición de contratar co Concello da empresa sancionada.

LSC de Grixoa

Outro dos acordos da XGL foi o inicio do procedemento de adxudicación das obras de mellora e acondicionamento do Local Sociocultural de Grixoa, cun tipo de licitación de 54.212,24 euros (IVE incluído).

Comentarios