O Auditorio de Galicia acolle mañá o certame aRi(t)mar

O Auditorio de Galicia acolle mañá o certame aRi(t)mar
O Auditorio de Galicia acolle mañá o certame aRi(t)mar

A gala aRimar está promovida pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

O certame aRi(t)mar, promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, traerá este mércores 4 de decembro, ás 21:00 horas, ao Auditorio de Galiza ás gañadoras desta edició: Tanxugueiras, Os Azeitonas, Susana Aríns, Marta Chaves e Uxía, ademais da actuación Carlos Blanco. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

Na rolda de prensa de presentación do evento, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, lembrou que aRi(t)mar ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editadas en Galicia e Portugal, e aproximar a cultura e a lingua de Galicia e Portugal. "A verdade é que sempre é un pracer poder colaborar con iniciativas como esta, que unen o didáctico co cultural e que nos permiten reafirmar os xa de por si estreitos lazos que unen a Galicia con Portugal e por extensión con toda a lusofonía", indicou a concelleira, quen valorou que siga "habendo interese por aprender a lingua portuguesa, algo que de por si, pola propia proximidade xeográfica, cultura e sentimental, debería ser o máis lóxico".

Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas, sinalou que este certame "é a cereixa no topo do bolo, como din en Portugal, pois é o final dun ano lectivo en que se desenvolve un proxecto didáctico e pedagóxico nas aulas de galego e de portugués". "Naceu para iso, mais agora é un dos festivais de referencia de todo o país e mesmo de Portugal, coa singularidade de que son os únicos premios en Galiza que se escollen por votación popular", engadiu.

Xosé Lago, subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, afirmou que "a cooperación cultural é unha das áreas máis visibles para integración de Galicia e o norte de Portugal". Nesa liña, esta iniciativa de aRi(t)mar "fai moito pola integración da cultura, da música e da poesía galega e portuguesa, porque cremos é unha das mellores vías para que se integren a cidadanía galega e portuguesa é a través da fala e da música".

Finalmente, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, sinalou que aRi(t)mar é "un escaparate magnífico para visibilizar e dar eco a multitude de voces que poñen en evidencia algo que nos vén dado por herdanza cultural e secular que é a posibilidade da lingua galega e de Portugal e da lusofonía no seu conxunto". "Isto encauzámolo en 2014 coa Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Valentín Paz Andrade, e a partir de aí lográronse dous feitos importantes como é a instauración do portugués como segunda lingua no sistema galego educativo, que leva a que máis de 3.000 alumnos e alumnas estuden portugués en secundaria en máis de 65 centros; e tamén a colaboración entre a CTVG e a RTP", explicou.

Premiados

Os preto de cinco mil votos do público emitidos no certame aRi(t(mar, promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela determinaron que os artistas gañadores polo mellor tema musical publicado en Galicia e en Portugal en 2018 son as Tanxugueiras, con "Quen non mo neguen", e Os Azeitonas, con "Efeito do Observador".

No apartado de poesía, as gañadoras foron a galega Susana Sánchez Aríns, polo poema "E isso é o amor" (Tu contas e eu conto, Através Editora, 2018), e a portuguesa Marta Chaves, por "Fachada" (Varanda de Inverno, Assírio e Alvim, 2018). Os poemas foron escollidos por votación popular online aberta a todo o público galego e portugués.

O xurado do certame aRimar decidiu conceder o Premio aRimar especial do xurado "Embaixada da Amizade galego-lusófona" á cantora galega Uxía. Segundo o xurado, Uxía é a embaixadora e pioneira da amizade galego-lusófona por excelencia, con especial destaque no campo da música e que co seu traballo abre novos e múltiples camiños na restauración das pontes dos afectos e do recoñecemento mutuo entre Galicia e a Lusofonía, cun labor permanente de reinserción da cultura galega nese seu verdadeiro espazo natural.

A gala aRimar está promovida pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Patrocinan a Xunta de Galicia, Deputación Provincial da Coruña e Concello de Santiago de Compostela, Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e Instituto Camões-Centro cultural Portugués de Vigo. Colaboran a Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centros do Ensino Português pelo Camões.

Comentarios