Santiago(é)Tapas celebrará a súa final do 6 ao 8 de decembro

Santiago(é)Tapas celebrará a súa final do 6 ao 8 de decembro
Santiago(é)Tapas celebrará a súa final do 6 ao 8 de decembro

XII Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago no que participaron 109 petiscos, é un evento organizado pola Asociación Hostalería Compostela, promovido por Turismo de Santiago

Un total de 12 tapas, dúas máis das inicialmente establecidas nas bases do concurso, competirán na gran final do XII Santiago(é)Tapas que se celebrará os días 6, 7 e 8 de decembro. Así o decidiu a organización en consenso co xurado profesional que percorreu os locais participantes, xa que había unha escasa diferenza de puntuacións entre varios candidatos, mostra do excelente nivel das propostas presentadas nesta edición.

As doce propostas finalistas son "Castaña" e "Salmonete empadronado", de A Maceta; "Mexillón viaxeiro", de A Viaxe; "Coci-Dillo", de A Xuntanza; "Falso miso de batea e curral", de ACDC; "Lacón con grelos", de Artesana; "A vieira que saíu de Herbón e chegou á India", de Suso; "Manitas crocantes", de Casa dos Xacobes; "Filloa rechea de rabo de tenreira con bechamel", de La Bodeguilla de Santa Marta; "Curry de Galo Celta" e "Empanada líquida de bonito de Burela", de Lume; e "Criollo marino", de O Ferro.

Estas doce propostas – 9 creativas e 3 tradicionais - optan aos premios Santiago(é)Tapas 2019. A elección das tapas gañadoras farase mediante a ponderación da valoración dun xurado profesional e a puntuación media obtida dos votos populares durante os días de celebración do concurso (do 14 de novembro ao 1 de decembro) e tamén durante a final do 6 ao 8 de decembro. Entre todas as tapas finalistas outorgaranse un primeiro e un segundo premio á tapa creativa, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente; e un primeiro e un segundo premio á tapa tradicional, tamén con 1.000 e 500 euros.

Por outro lado, todos os establecementos inscritos optarán aos premios do público outorgados a partir das votacións dos consumidores emitidas durante os días de celebración dos concursos Santiago(é)Tapas e Santiago(é)Cóctel do 14 de novembro ao 1 de decembro. Haberá un premio do público á tapa creativa e un premio do público á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un. Tamén haberá un premio maridaxe Mahou, con 500 euros en produto e un showcooking nun evento Mahou. Ademais, premiaranse dous cócteles, un creativo e un clásico, con 500 euros cada un.

Estes galardóns entregaranse nunha gala que se celebrará o 17 de decembro no CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea).

O XII Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago no que participaron 109 petiscos, é un evento organizado pola Asociación Hostalería Compostela, promovido por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio de Mahou. Tamén colaboran Cash Record, Coca Cola, Finca Viñoa e Aceites Abril, o aceite oficial do concurso; así como o festival de cine Cineuropa, a Asociación de Celíacos de Galicia, o movemento Slow Food e Utimaq. O I Santiago(é)Cóctel é un concurso organizado pola Asociación Hostalería Compostela, que nesta primeira edición contou con 25 cócteles participantes.

Comentarios