O ex-alcalde José Germán Fernández xa conta con retrato no Pazo de Raxoi

O ex-alcalde José Germán Fernández xa conta con retrato no Pazo de Raxoi
O ex-alcalde José Germán Fernández xa conta con retrato no Pazo de Raxoi

José Germán Fernández era alcalde accidental de Compostela cando trunfou o golpe de Estado o 18 de xullo de 1936 e formou parte do Comité de Defensa da República na cidade

  • A Alcaldía de Santiago exhibe dende onte un novo retrato, o do ex-alcalde José Germán Fernández. O acto de recepción do cadro, presidido polo rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, celebrouse no día no que se cumpren 83 anos do fusilamento do ex-alcalde en Boisaca (3 de decembro de 1936). O retrato é obra de Manuel Quintana Martelo, a partir dun debuxo de Camilo Díaz Baliño.


  • O acto contou coa presenza de José Ramón Pérez Estévez, sobriño neto de José Germán Fernández, quen en nome da familia agradeceu á Corporación a realización do retrato. Tamén participaron no acto, ademais do alcalde e do autor do cadro, os concelleiros de Presidencia, Sindo Guinarte, e de Acción Cultural, Mercedes Rosón; Alejandro Sánchez-Brunete, voceiro municipal do PP; Martiño Noriega e Branca Novoneyra, voceiro e concelleira de Compostela Aberta; Goretti Sanmartín, voceira do BNG; e o ex-concelleiro Luis Pasín.

    José Germán Fernández era alcalde accidental de Compostela cando trunfou o golpe de Estado o 18 de xullo de 1936 e formou parte do Comité de Defensa da República na cidade. Aos poucos días foi detido pola Garda Civil e encarcerado no propio Pazo de Raxoi. Foi sometido a un Consello de Guerra, que o condenou a morte. Foi fusilado no cemiterio de Boisaca o 3 de decembro de 1936.

    Sánchez Bugallo puxo a José Germán Fernández como "exemplo de dignidade", lembrando que "no seu breve período de tempo como alcalde –cremos que entre 10 e 16 días- seguiu cumprindo as súas obrigas como alcalde e manténdose fiel á República". Esa dignidade, dixo, mantena nunha carta que mandou á súa nai dúas horas antes de ser fusilado, na que "lle di á súa nai algo así como que el non fixera nada malo e que non tiña que avergoñarse de nada do que fixera".

    O alcalde expresou o seu compromiso de "manter viva" a memoria de José Germán Fernández. Nese sentido, manifestou a intención de editar unha publicación que "reflicta o que pasou en Santiago neses meses e semanas".

    Sobre o retrato, o seu autor, Manuel Quintana Martelo, indicou que o realizou sobre un debuxo de Camilo Díaz Baliño, encarcerado xunto co propio José Germán Fernández no Pazo de Raxoi. "Era un debuxo moi sintético e tiven que facer un esforzo para imaxinar os volumes de Xermán a partir del". Afirmou ter lido sobre a "dramática" historia do ex-alcalde e quixo transmitir no seu retrato "esa especie de nostalxia, de pesadume e de integridade do personaxe".

    Placa en Boisaca

    Con motivo do 80 aniversario da súa execución, o 3 de decembro de 2016 descubriuse en Boisaca unha placa que lembra a "José Germán Fernández e aos demais membros do Comité de Defensa da República, que ofrendaron a súa vida, segada na cruel represión do Golpe de Estado de 1936". Tamén se realizou unha ofrenda floral, rematando a cerimonia coa interpretación do Himno Galego.

Comentarios