A USC e Ateneo comprométense a levar a cabo a promoción conxunta do Xardín Botánico

A USC e Ateneo comprométense a levar a cabo a promoción conxunta do Xardín Botánico
A USC e Ateneo comprométense a levar a cabo a promoción conxunta do Xardín Botánico

A Universidade e a entidade compostelá desenvolverán accións conxuntas co gallo do bicentenario do nacemento de Concepción Arenal que se celebrará en 2020

O reitor Antonio López e o presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño, asinaron este martes un convenio de colaboración. Este documento renova o acordo previo asinado en 2011 e, no mesmo, as partes comprométense a levar a cabo a promoción conxunta do Xardín Botánico de Santiago como equipamento cidadán, así como a cooperar na conmemoración do bicentenario do nacemento de Concepción Arenal que se celebrará en 2020. 

Co gallo desta efeméride e como unha das primeiras iniciativas conxuntas ao abeiro deste acordo, USC e Ateneo solicitarán a través dun escrito ante os distintos grupos municipais do Concello compostelán, o traslado da escultura dedicada a Concepción Arenal, xornalista, escritora e activista dos movementos feministas, a un novo emprazamento máis acaído. Asemade, o Xardín Botánico de Santiago será promocionado co obxecto de que poida compartir actuacións no eido da educación e investigación universitaria, e a súa utilización e uso como espazo de lecer e de formación medioambiental da cidadanía de Santiago. 

Divulgación

O acordo establece que a USC facilitará a divulgación das actividades desenvolvidas polo Ateneo de Santiago entre o conxunto da comunidade universitaria. Asemade, a USC poderá ceder ao Ateneo de Santiago, en uso temporal, distintos locais universitarios dentro das súas dispoñibilidades. 

O Ateneo de Santiago, na súa tarefa divulgativa da ciencia, a investigación e a cultura, comprométese a facilitar aos membros da comunidade universitaria o acceso a todas as actividades que organice e a obtención da condición de socio, sen outro custo distinto da cota mensual ordinaria. Igualmente, na súa oferta de actividades, primará a presenza de persoal docente e investigador da USC para pór en valor na sociedade o enorme potencial de saber e coñecemento que atesoura a Institución.

Finalmente, ambas as dúas partes comprométense a impulsar a organización conxunta de actividades de distintos tipos e formatos nos eidos cultural, científico ou educativo, así como a edición de publicacións e informacións que propicien a divulgación do saber e o coñecemento entre a cidadanía de Santiago.

Comisión se seguimento

Unha comisión de seguimento integrada pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo,  e o vicepresidente da Xunta Directiva do Ateneo, Manuel López-Rivadulla Lamas, resolverá as posibles controversias que xurdan, sendo, ademais, os seus membros os interlocutores para o desenvolvemento das actividades obxecto do convenio cuxa duración será de catro anos.

Comentarios