Denuncian o 56% aumento do gasto do goberno de Vedra en catro meses

Denuncian o 56% aumento do gasto do goberno de Vedra en catro meses
Denuncian o 56% aumento do gasto do goberno de Vedra en catro meses

No pleno celebrado este pasado mércores 27 de novembro no concello de Vedra o grupo de goberno do PP levou a aprobación unha suba de 6.000 euros ao ano para o alcalde Carlos Martínez

O PSdeG-PSOE de Vedra recriminoulle ao grupo de goberno do PP no último pleno a suba de soldos do alcalde Carlos Martínez e o concelleiro Enrique Vázquez e a nova dedicación parcial do concelleiro José Manuel González. 

No pleno celebrado este pasado mércores 27 de novembro no concello de Vedra o grupo de goberno do PP levou a aprobación unha suba de 6.000 euros ao ano para o alcalde Carlos Martínez, que pasa de cobrar 29.038,08 euros a 35.000, unha suba de 3.500 euros do concelleiro de obras Enrique Vázquez, que pasa de cobrar 23.472,07 euros a cobrar 27.000,12 euros e unha nova dedicación parcial do 75% de xornada laboral para o concelleiro José Manuel González de 20.250,09 euros ao ano. 

Así o concello de Vedra pasa de dúas a tres dedicacións e pasa de gastar 52.510,15 euros en soldos para dedicacións a gastar 82.250,21 euros ao ano. 

O PSdeG-PSOE de Vedra acusou ao grupo de goberno do PP de hipócritas xa que no 2004 criticaban ao naquel momento alcalde de Vedra, o socialista Odón Cobas, polo aumento de unha a dúas dedicacións e o aumento do gasto de 21.000 a 39.000 euros ao ano. Dende que o popular Carlos Martínez é alcalde de Vedra pasouse de gastar 48.800 euros en dúas dedicacións no 2011 a gastar case o dobre en tres dedicacións no 2019. 

Os socialistas tamén criticaron ao alcalde que no pleno de constitución da corporación local creou unha concellería de saneamento e abastecemento, que ben podía asumir perfectamente a concellería de obras, para catro meses despois, na aprobación dos orzamentos do 2020 crear unha nova dedicación para o concelleiro de saneamento e abastecemento José Manuel González. Un traballo que durante 8 anos levou a cabo a xa ex-concelleira María Jesús Piñeiro por 22.000 euros ao ano e agora necesita de dúas dedicacións e 47.000 euros ao ano. Segundo os socialistas isto alude a que os concelleiros do PP de Vedra metéronse na política para vivir dela. 

Un pleno cheo de recortes e subas 

Neste pleno tamén se aprobaron, co voto en contra de toda a oposición, os orzamentos de Vedra para o 2020 nos que o goberno local recorta un total de 360.000 euros en partidas como urbanismo, vías públicas, medio ambiente educación, deporte e turismo. A isto súmase un exceso de gasto de 156.000 euros nos orzamentos do 2019 o que obrigou ao grupo de goberno a aprazar obras tan necesarias como a segunda fase da pista de rodadura de Vedra, asfaltado de pistas ou o saneamento en Romarís. 

Segundo os socialistas, estes orzamentos reflicten a falta de proxecto de futuro do grupo de goberno para o concello e esquécense do tan desexado polígono industrial que o PP de Vedra prometeu en campaña ter listo en 2 anos. O voceiro dos socialistas afirmou tamén que non hai cartos para obras pero sí para subirse os soldos. 

Por outro lado, nese mesmo pleno aprobouse de novo co voto en contra de PSdeG- PSOE e BNG, o novo regulamento da Escola Infantil Municipal de Vedra na que o grupo de goberno suprime os descontos por familia numerosa, monoparental ou por ter varios irmáns no centro, pero pola contra incrementan a tarifa de media xornada un 20% e implantan 50€ de matrícula anual. Segundo os cálculos dos socialistas isto supón a maiores un gasto de 553 euros por fillo en media xornada ao ano. Como afirmou a concelleira socialista Raquel Sangiao, seguro que a suba das taxas da EIM de Vedra é para sufragar a suba dos soldos.  

Comentarios
Lo más