Santiago ilumínase esta noite para recibir o Nadal

Santiago ilumínase esta noite para recibir o Nadal
Santiago ilumínase esta noite para recibir o Nadal

O Concello destina este ano ao alumeado de Nadal case 216.000 euros, un orzamento que se repartiu a partes iguais entre o Casco Histórico e o Ensanche

Hoxe xoves, ás 19:00 horas, acenderase o alumeado de Nadal nun acto que terá lugar na praza do Obradoiro, coa asistencia do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e doutros integrantes da Corporación. A continuación, estes visitarán o Mercado de Nadal de Carreira do Conde, aberto tamén dende mañá (12:00 horas).

O Concello destina este ano ao alumeado de Nadal case 216.000 euros, un orzamento que se repartiu a partes iguais entre o Casco Histórico e o Ensanche. Entre as novidades deste ano destaca a árbore cónica e o Belén da praza do Obradoiro, ambos os dous con leds, ou os os mantos de leds que iluminarán rúas coma as do Franco, Caldeirería ou Preguntoiro.

MERCADO DE NADAL

Esta tarde-noite do xoves tamén se inaugurará o Mercado de Nadal de Carreira do Conde, polo que irán rotando diferentes propostas ao longo das semanas. Este ano incrementouse a oferta de lecer e gastronómica, e haberá actividades case a diario.

O Mercado de Nadal permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas. O Mercado estará pechado os días 24 e 25 de decembro e 1 de xaneiro; e só abrirá pola mañá o día 31 de decembro.

Durante as cinco quendas, composteláns/ás e visitantes terán a posibilidade de coñecer as creacións de 56 expositores de decoración propia da época, alimentación gourmet e artesanía (xoias, madeira, cerámica, vidro, coiro, xoguetes, téxtil, regalo orixinal, deseño...). A oferta compleméntase cunha selección de food trucks de comida galega e internacional.

O Mercado de Nadal leva aparellada unha completa programación, ao inicio nas fins de semana e despois practicamente a diario. As actividades estarán dirixidas á infancia, ás familias e ao público en xeral. Haberá obradoiros de manualidades, xogos e contacontos nun espazo especialmente disposto ao efecto.

Durante os días de maior afluencia realizarase a actividade NadalCiclo, na que unha bicicleta decorada e conducida por actores caracterizados para o momento transportará a nenos e nenas pola Carreira do Conde coñecendo o Mercado. Ademais, a rúa acollerá actuacións musicais do grupo UCT Ultreia e dos coros Centro Xove, Brincadeira, Hermano Gómez, Ponte Mantible, Santa Susana, Coto da Nai, Agarimos, Colexiata de Sar, LaSalle, A Xuntanza, Xúbilo e Amigos de Compostela.

BELÉN DE SAN FIZ

Tamén hoxe xoves, a partir das 12:00 horas, abrirase o Belén tradicional da igrexa de San Fiz. Máis de 200 figuras de barro e lenzo pintado, todas feitas a man, compoñen este nacemento, que inclúe diferentes escenas, pezas en movemento, iluminación e son.

No acto de apertura do Belén de San Fiz participarán o concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Sindo Guinarte; o edil de Festas, Gonzalo Muíños; e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, ademais do propio creador do nacemento, José A. Uzal. 

Comentarios
Lo más