O programa de formación dual permitirá impulsar a integración laboral de 60 persoas con discapacidade intelectual

O programa de formación dual permitirá impulsar a integración laboral de 60 persoas con discapacidade intelectual
O programa de formación dual permitirá impulsar a integración laboral de 60 persoas con discapacidade intelectual

A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria do novo programa de formación dual destinado a persoas con discapacidade intelectual que permitirá impulsar a súa integración laboral a través da cualificación e a experiencia profesional 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 2.068.932 euros a esta iniciativa, que se desenvolverá en colaboración cos centros especiais de emprego e da que se beneficiarán un total de 60 persoas (10 por cada centro).

Os alumnos, que deberán estar inscritos como demandantes de emprego, contarán cun contrato para a formación e a aprendizaxe de tres anos de duración. Os centros beneficiarios poñerán en marcha itinerarios formativos adaptados e estables que lles permitirán obter certificados de profesionalidade. Os apoios alcanzan nos tres anos os  34.482,20 euros por traballador.

En total beneficiaranse seis centros especiais de emprego, que obteñen as axudas para asumir os custos salariais dos participantes, para o desenvolvemento das actividades formativas e para a contratación de persoal de apoio e acompañamento das persoas con discapacidade no seu posto de traballo. O tempo de traballo efectivo será do 50% da xornada, e o 50% será destinado ás actividades formativas. A data de inicio está prevista para mediados deste mes de decembro.

En concreto, as entidades son: Aspaber en Carballo e San Jerónimo Emiliani na Guarda, que se centrarán no certificado de profesionalidade de limpeza de superficies e mobiliario en oficinas locais; Juan María Empleo (Vigo), con actividades auxiliares de comercio; e Aceesca (O Porriño), Servinserta (Boiro) e Fundación Juan XXIII (Pontevedra), nos que se ofrecerá o certificado de auxiliar en viveiros, xardíns e centros de xardinería.

Esta nova medida forma parte das diferentes iniciativas desenvoltas pola Xunta para impulsar a inserción laboral das persoas discapacitadas. Trátase dun elemento decisivo para lograr a súa inclusión plena, un obxectivo prioritario para a Administración autonómica e recollido na Axenda 20.

Así, nas próximas semanas tamén se abrirá a convocatoria do programa Galicia Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social. Dotado con 2,2 millóns de euros, inclúe bonos para a contratación, a formación e o emprego con apoio. Agárdase que se poidan beneficiar un total de 185 persoas desta medida.

Comentarios