O goberno de Ames esíxelle a Augas de Galicia a redacción do proxecto da EDAR de Sisalde

O goberno de Ames esíxelle a Augas de Galicia a redacción do proxecto da EDAR de Sisalde
O goberno de Ames esíxelle a Augas de Galicia a redacción do proxecto da EDAR de Sisalde

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, reuníronse coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para pedir, unha vez mais, a ampliación da EDAR de Sisalde

A EDAR de Sisalde presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Dita depuradora, que está situada ao carón do río Sar, na parroquia de Ortoño, comezou a funcionar o 15 de marzo de 2001 e foi deseñada para atender a unha poboación de 10.400 habitantes. No ano 2007, a empresa concesionaria do Ciclo integral da auga de Ames, fixo un informe sobre o estado da EDAR de Sisalde no que dicía que se estaba prestando servizo a uns 18.000 habitantes. Isto supoña sobrepasar nun 80% á poboación inicial que estaba previsto atender. Posteriormente, no ano 2017, a empresa concesionaria volveu a facer un informe no que se indica que na actualidade a poboación á que está atendendo esta EDAR é de 23.500 habitantes. No devandito informe recóllese a necesidade urxente de construír unha nova EDAR.


Debido a ditas circunstancias dende o goberno municipal de Ames creen que é necesario e urxente abordar a ampliación de dita EDAR. Para iso é necesario facer un proxecto no que se recolla a ampliación desta depuradora, para saber o investimento que habería que facer. Augas de Galicia recoñeceu a urxencia e necidade de ampliar esta estación depuradora e que xa tiña un compromiso no ano 2012 que non se levou a cabo. Os dirixentes de Ames recordáronlle á presidenta de Augas de Galicia que hai meses xa se comprometera a comezar co proxecto sen que a día de hoxe se avanzara no mesmo. A propia presidenta volveuse a comprometer á realización deste proxecto no ano 2020.

Outro dos temas que se abordaron foi o proxecto conxunto de saneamento para as parroquias amesás de Piñeiro e Tapia, así como para a parroquia de Troitosende do concello de A Baña. O proxecto desta obra, que está sendo redactado por técnicos de Augas de Galicia, está na súa última fase. Con este plan de recollida, transporte e tratamento das augas residuais beneficiaranse uns 500 veciños e veciñas dos dous municipios. O proxecto percorre as parroquias amesás de Tapia (núcleos de Frenza e Vilouta), Piñeiro (lugares de Rúa, Vilaverde, Fernande, Balindo, Covas e San Mamede) e a bañesa de Troitosende (nos núcleos de Menlle de Arriba, Menlle de Abaixo, Vilela, Quintáns, Troitosende, Portochán e Vilacoba).

Unha vez o proxecto esta finalizado, os alcalde de Ames e da Baña solicitarán unha xuntanza coa Consellería de Infraestruturas para abordar as vías de financiamento deste obras que afecta a ambos concellos.

Potabilizadora
O rexedor de Ames trasladoulle á presidenta de Augas de Galicia a necesidade de acometer obras na rede de abastecemento para que este servizo poida chegar ao principal núcleo do concello, O Milladoiro. Para o goberno de Ames que a nova potabilizadora, situada en Lens, non estea dando servizo a máis da metade da poboación do concello é algo sorprendente. Na actualidade a potabilizadora non chega nin ao 30% da súa capacidade e o Concello vese obrigado a captar auga do Concello de Santiago para dotar de abastecemento a poboación do Milladoiro, co conseguinte sobrecusto.

Para Miñones é imprescindible unha actuación inmediata na rede e levar a cabo o investimento necesario para o cambio de sentido e conseguir que a potabilizadora chegue ao Milladoiro e as parroquias de Biduído e Bugallido. O investimento necesario ronda o millón de euros pero tería un aforro no custe da auga e nos custes de produción da propia potabilizadora. A necesidade foille trasladada á presidenta de Augas e o Concello fará a solicitude formal de axuda á Consellería de Infraestruturas.

Plan director do Ciclo integral da auga
O cuarto tema tratado foi a posibilidade de que Augas de Galicia elabore un Plan director do Ciclo integral da auga do Concello de Ames, que serva de referente á hora de executar novos proxectos e realizar obras de mellora relacionados coa rede de saneamento e abastecemento. Deste xeito, o Concello de Ames disporía dun documento marco a 10 – 15 anos vista, para programar os investimentos sufragados coas axudas dos plans provinciais ou a través do canón do ciclo integral da auga. Dende Augas de Galicia manifestaron que estudarán esta petición.


Comentarios