En Marea apoia o encerro do persoal sanitario no Hospital de Verín

En Marea apoia o encerro do persoal sanitario no Hospital de Verín
En Marea apoia o encerro do persoal sanitario no Hospital de Verín

O deputado, que estará esta tarde en Verín, deixou claro que En Marea estará sempre ao dispor das necesidades da poboación

En Marea apoia o encerro do persoal e da veciñanza no Hospital de Verín. O deputado Davide Rodríguez aproveitou a comparecencia deste luns para enviarlle “toda a nosa forza para a xente que está defendendo o mantemento do Hospital Comarcal con todos os servizos e non retroceder en 20 anos en prestacións sanitarias na comarca”.

O deputado, que estará esta tarde en Verín, deixou claro que En Marea estará sempre ao dispor das necesidades da poboación. Nesta liña lembrou que mantiveron xuntanzas coas matronas e co persoal sanitario principio ”deste episodio de discriminación e de violencia institucional contra as mulleres” e que xa trasladaron os problemas do hospital comarcal de Verín e o peche da unidade de partos ante a Valedora do Pobo.

Mostra diso son as declaracións de Luís Villares da semana pasada, onde instou aos deputados e ás deputadas do PP de Ourense a romper a disciplina de voto para favorecer e defender os intereses da cidadanía de Viana e de Verín.

Rodríguez criticou tamén que o peche da unidade de partos é “unha decisión precipitada, sen diálogo e con argumentos falaces que obedece unicamente a intereses económicos e non sanitarios, e que perxudica, unha vez máis ao rural e a provincia de Europa. Os servizos sanitarios, e as unidades de partos en concreto, son fundamentais en zonas coa poboacións dispersa, pois os desprazamentos aumentan o risco”.

O Executivo galego, baseado nos informes do servizo de pediatría do CHUO, sinalou a cifra de 600 partos anuais como o umbral de seguridade para o mantemento do servizo de paritorio, unha cifra á que non chega ningún hospital comarcal: “Verín é o primeiro, pero a partir daquí van ser O Barco, Burela, O salnés, Ceee...porque o goberno de Feijóo, de non facerlle fronte, seguirá eliminando servizos dos nosos hospitais”.

A decisión de pechar o parotorio en Verín é unha decisión política, das que os responsables deben asumir toda a responsabilidade. Davide lembrou que esta situación “lévanos a pedir de novo a dimisión inmediata do Xerente da EOXI de Ourense-Verín-O Barco e do Conselleiro de Sanidade, responsables dun desastre de xestión a costa dos dereitos das mulleres e da cidadanía de Verín”.

O deputado finalizou a súa comparecencia deixando claro que A cidadanía non pode pagar as consecuencias dunha xestión sanitaria que non ten en conta a realidade dispersa do País “se chegase a haber poucos partos en Verín, a solución é reorganizar o servizo en toda a EOXI, non o desprazamento das mulleres 70 ou 100 km para dar a luz”.

Comentarios