O BNG pon o foco na desatención do alcalde Ribeira para solucionar as verteduras do aliviadoiro do Río Listres

O BNG pon o foco na desatención do alcalde Ribeira para solucionar as verteduras do aliviadoiro do Río Listres
O BNG pon o foco na desatención do alcalde Ribeira para solucionar as verteduras do aliviadoiro do Río Listres

Os nacionalistas teñen denunciado en diversas ocasións que aliviadoiro do tanque de tormenta sito nos Areeiros non desemboca no mar, senón que o fai no río Listres

O BNG ribeirense rexistra unha iniciativa para indagar cales son as accións que ten emprendido o Concello de Ribeira para rematar coas verteduras que se están producindo de maneira continuada no río Listres por culpa do aliviadoiro do tanque de tormenta dos Areeiros.

Os nacionalistas teñen denunciado en diversas ocasións que aliviadoiro do tanque de tormenta sito nos Areeiros non desemboca no mar, senón que o fai no río Listres. O río leva moi pouca corrente, mesmo en determinadas épocas do ano case non leva auga ou seca. Esta circunstancia fai que cando se producen verteduras, os residuos quedan estancadas no rego fluvial provocando malos cheiros. A nivelación ascendente do terreo tampouco axuda á saída das augas residuais cara ao mar.

Segundo o concelleiro Luís Pérez Barral, isto fai que o aliviadoiro estea xerando un problema ambiental, pois “de ter que aliviar, non é o mesmo facelo nun río que ten pouco caudal que facelo no mar onde o problema ambiental causado sería moito menor”. Ademais o edil do Bloque púxose en contacto coa plataforma de afectados para realizar a iniciativa e engade que “é vontade dos afectados como do BNG que se canalice en condicións e que non afecte aos bancos marisqueiros pois deles dependen moitos postos de traballo”.

Desde o Bloque denuncian a pasividade do goberno local ante este problema, cuestión coa que tamén cadra a veciñanza que vive no entorno e ven que nada fixo desde que se aprobou a iniciativa do BNG en xuño de 2017 para canalizar este punto negro da rede de saneamento. Pérez Barral declara que “o Concello de Ribeira debería liderar un compromiso de procurar solucións definitivas e non ficar impasíbel vendo o tempo pasar”.

Con respecto á depuración das augas residuais, Pérez recorda que no mes de agosto aprobárase unha emenda do Bloque para encargar unha auditoría externa independente que reflicta que as obras comprometidas polas institucións están realizadas e os problemas solucionados. Neste sentido, no Bloque son taxativos, “o BNG non aprobará nada sen que se presente as auditorías (interna e externa) ante os grupos e a veciñanza e teñan un resultado favorábel” concluíu Pérez Barral.

Comentarios