Noia e La Grotta organizan o Torneo Cúbico, que engloba tres deportes: fútbol sala, baloncesto e voleibol

Noia e La Grotta organizan o Torneo Cúbico, que engloba tres deportes: fútbol sala, baloncesto e voleibol
Noia e La Grotta organizan o Torneo Cúbico, que engloba tres deportes: fútbol sala, baloncesto e voleibol

Terá lugar o sábado 28 de decembro no pavillón Agustín Mourís e poderán participar equipos de 5 persoas máximo

O pavillón Agustín Mourís de Noia acollerá o vindeiro sábado 28 de decembro, de 10:00 a 23:00 horas, o primeiro Torneo Cúbico, organizado polo colectivo xuvenil La Grotta en colaboración co Concello de Noia. Un torneo que foi presentado esta mañá pola concelleira de Deportes, Laura Salgado García, quen estivo acompañada por Antón Freire Picón e Hugo Vigo Costa, responsables do colectivo xuvenil La Grotta.

Laura Salgado explica que este Torneo Cúbico “engloba tres modalidade deportivas como o fútbol sala, o baloncesto e o voleibol” e convida a toda a veciñanza “a achegarse o sábado 28 polo pavillón Agustín Mourís a participar nesta xornada deportiva”. Un evento cuxos trofeos foron elaborados por integrantes da asociación Misela, presentes tamén na presentación de hoxe no salón de plenos noiés.

“Dende o Concello de Noia pensamos que é importante apoiar a entidades que prestan servizos sociais como Misela, que elaboraron eles mesmos o trofeos que se van entregar aos gañadores e gañadoras do Torneo Cúbico. Uns premios que fixeron a man, con moito cariño e sensibilidade”, apunta Laura Salgado.

TORNEO CÚBICO

Pola súa banda, Hugo Vigo explica que o torneo “recolle os tres deportes con máis seguidores na vila: fútbol sala, voleibol e baloncesto. Dividiremos o pavillón en tres partes: unha para xogar ao fútbol 3x3 e outras dúas para baloncesto e voleibol, con canastas e rede homologadas”. O torneo terá lugar de 10:00 a 23:00 horas, con partidos de 10 minutos cada un. Pola mañá xogarase unha fase de grupos onde os 16 mellores de cada deporte se clasificarán para a fase de eliminatorias, que se xogarán pola tarde.

Paralelamente haberá espectáculos de taekwondo, kickboxing e boxeo, así como unha mascota que interactuará co público e un concurso de triplas e agasallos para as persoas que se acheguen ese sábado 28 de decembro polo pavillón Agustín Mourís.

Antón Freire, quen agradeceu o apoio do Concello de Noia, explicou que “as inscricións poden facerse por mail a gestionlagrotta@gmail.com ou no propio día. Para participar é preciso ter 16 ou máis anos e achegar unha inscrición de 50 euros, que se sumarán ao reparto de premios”. Haberá tres primeiros premios en cada modalidade deportiva de 300, 150 e 50 euros, respectivamente.

Comentarios
Lo más