O Concurso literario Mazarelos entrega os seus premios hoxe en Filoloxía

O Concurso literario Mazarelos entrega os seus premios hoxe en Filoloxía
O Concurso literario Mazarelos entrega os seus premios hoxe en Filoloxía

A piques de saír do prelo un volume coas obras premiadas ao longo destes cinco anos

O Salón de Graos de Filoloxía acollerá este mércores 11 ás 19.00 horas a entrega dos premios do Concurso literario Mazarelos, que este ano chega á súa quinta edición. Froito dunha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística do Centro, e dirixido ao estudantado de toda a USC, o certame procura alentar o talento literario mozo, e está aberto a obras escritas en lingua galega de todos os xéneros literarios. Está prevista a asistencia ao acto do vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa; do secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; e de Manuel Carlos Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística. 

Os galardoados da presente edición foron os estudantes Miguel Cavadas Docampo (1º premio), María Caíña Hurtado (2º premio) e Paula Marina García Pardavila (3º premio), que no transcurso da gala lerán fragmentos das obras premiadas. Dende a pasada edición, apadriñada polos escritores Suso de Toro e Yolanda Castaño, unha novidade do Concurso foi a escolla de dous mentores literarios.

Este ano, as madriñas do certame son a narradora Inma López Silva e a poeta Estíbaliz Espinosa que, canda os profesores da Facultade de Filoloxía Teresa Amado, Ramón Mariño e Arancha Nogueira, tamén exerceron como membros do xurado. Todos eles intervirán na gala do día 11, que contará ademais con actuacións musicais dos cantantes Noemia e Guille LP, gañadores do I Certame de Música Galega da USC, organizado en 2017 pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía. 

Na gala anunciarase, asemade, a inminente saída do prelo do volume De pedra e azulexo, editado polo Servizo de Publicacións da USC e coordinado por Alba María Rodríguez, e onde se escolman os traballos literarios premiados ao longo dos cinco anos de vida do certame.

Comentarios