A conselleira de Educación, Carmen Pomar, visita o CPI Cernadas de Castro para conmemorar o Día dos Dereitos Humanos

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, visita o CPI Cernadas de Castro para conmemorar o Día dos Dereitos Humanos
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, visita o CPI Cernadas de Castro para conmemorar o Día dos Dereitos Humanos

O departamento educativo da Xunta afonda neste eido tanto a nivel transversal como a través de materias específicas e do Plan Proxecta

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villarverde, conmemoraron onte o Día dos Dereitos Humanos co alumnado do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame). Os estudantes deste centro elaboran para este día cadansúa postal sobre un destes dereitos, que colocarán ao longo da xornada nun panel común no que todos quedarán reflectidos.

Así mesmo, e co obxectivo de que estes Dereitos Humanos se difundan no centro e na súa contorna, cada alumna e alumno levará a súa postal á casa durante as vacacións do Nadal para explicarlle á súa familia e amizades o contido desta Declaración.

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a necesidade de difundir os Dereitos Humanos entre os máis novos como garantía da súa formación básica como cidadáns. Neste sentido lembrou que, ademais de ser un contido transversal a todo o currículo académico, este asunto trátase de forma específica en materias de libre configuración autonómica como Valores democráticos europeos, Coeducación para o século XXI, Sociedade inclusiva ou Igualdade de xénero. Ademais, a Consellería de Educación impulsa, dentro do Plan Proxecta, o programa Educación en dereitos da infancia e cidadanía global, entre outras actividades do Proxecta que afonda neste ámbito.

O Día dos Dereitos Humanos conmemórase cada 10 de decembro, coincidindo coa data na que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a Declaración Universal de Dereitos Humanos en 1948; un documento histórico que proclamou os dereitos inalienables inherentes a todos os seres humanos, sen distinción de raza, cor, relixión, sexo, idioma, opinións políticas ou de outra índole, orixe nacional ou social, propiedades, lugar de nacemento, nin ningunha outra condición.

MELLORAS E PROGRAMAS EDUCATIVOS

A conselleira de Educación aproveitou a súa visita ao centro para comprobar o resultado das obras realizadas este verán, en colaboración co Concello de Lousame. Deste xeito acometeuse a ampliación da biblioteca e a habilitación da primeira sala de usos múltiples do centro, así como a substitución da cuberta do polideportivo.

Cómpre lembrar que a Consellería xa acometera con anterioridade a substitución da cuberta do centro e a construción dunha nova cuberta exterior, o que supuxo un investimento de algo máis de 124.000 euros. O cómputo total de obras de mellora neste centro nos últimos anos supera os 350.000 euros.

No transcurso da súa visita a conselleira aproveitou para felicitar a comunidade educativa deste centro polo seu dinamismo. Neste sentido lembrou que, ademais de ser plurilingüe, o CPI Cernadas de Castro participa no proxecto de libro dixital da Xunta de Galicia, E-Dixgal en 5º e 6º de Primaria.

En materia de bibliotecas, a deste centro forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e participou o pasado curso nos Clubs de Lectura impulsados desde a Consellería.

Ademais, dentro da Estratexia Galega para a educación dixital, Edudixital 2020, este centro incorporou o pasado curso (e continuará ao longo deste co seu desenvolvemento) un Espazo Maker, isto é, unha zona específica dotada cos medios tecnolóxicos necesarios para que o alumnado poida materializar a súa creatividade a través de proxectos propios de experimentación, o prototipado e a construción.

Tamén no marco de Edudixital, o centro desenvolve o Club de ciencia, unha iniciativa que ten como finalidade estimular o espírito científico entre o alumnado galego ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.

Comentarios