A Xunta terá en conta as peticións veciñais na rede principal de camiños da parcelaria de Gonzar

A Xunta terá en conta as peticións veciñais na rede principal de camiños da parcelaria de Gonzar
A Xunta terá en conta as peticións veciñais na rede principal de camiños da parcelaria de Gonzar

Integrantes da Xunta local da parcelaria reuníronse esta mañá coa xefa territorial e o técnico redactor do proxecto

Os integrantes da xunta local da concentración parcelaria de Gonzar conseguiron onte que a Xunta teña en conta algunhas das suxestións que lles formularon os propietarios en relación á rede principais de camiños. A xefa territorial da Consellería de Medio Rural, a xefa de servizo e o técnico redactor do proxecto indicaron que nas vías principais desta parcelaria vanse facer sobreanchos en algunhas zonas, ademais de nas curvas e nos cruces, e tamén se engadirán apartadoiros para que poidan cruzar dous vehículos sen problema.

Nunha xuntanza a semana pasada, os propietarios trasladáronlle aos membros da xunta local algunhas suxestións que estes lle formularon esta mañá aos representantes da Consellería de Medio Rural nunha reunión mantida na Casa da Cultura. Na reunión de hoxe houbo boa sintonía entre as partes, e tanto a xefa territorial como a xefa de servizo viron razoables os argumentos e algunhas das peticións feitas polos representantes da veciñanza.

Neste sentido, dende a Consellería de Medio Rural consideran que en algunhas zonas se poderán facer sobreanchos (para que as pistas principais teñan 5 metros, pois están contempladas de catro), e que tamén se farán modificacións puntuais do trazado destes camiños principais.

No caso dos cruces e das curvas, os técnicos sinalaron que se farán avanicos (ampliando o firme), para facilitar os xiros e os tránsitos dos vehículos máis longos. E tamén engadiron que se van facer apartadoiros nestes viais, zonas máis anchas para que poidan cruzarse dous vehículos sen problema.

Algo no que insistiron os representantes da Consellería na reunión de hoxe, ante as preguntas dos membros da xunta local, é que os planos que están expostos corresponden coa rede principal de camiños da parcelaria de Gonzar. “Cando se marquen as fincas, farase tamén a rede secundaria de camiños, porque todas as parcelas van quedar comunicadas e con accesos ao viais”, indicou a xefa territorial.

NOVA REUNIÓN O LUNS ÁS 19:30 HORAS

Despois de trasladarlle aos representantes da Consellería as inquietudes e propostas dos propietarios de monte de Gonzar, os integrantes da xunta local da parcelaria decidiron convocar unha nova reunión cos veciños o vindeiro luns, día 16, ás 19:30 horas no local social de Gonzar, para contarlles o que se falou na reunión de hoxe co alcalde e coa xefa territorial da Consellería de Medio Rural, coa xefa de servizo e co técnico redactor do proxecto.

Os propietarios teñen de prazo ata a vindeira semana para presentar alegacións á rede principal de camiños da Parcelaria de Gonzar, que se pode consultar no local social da parroquia ou no concello.

Comentarios
Lo más