CA demanda residencias de creación e pensamento con peregrinos

CA demanda residencias de creación e pensamento con peregrinos
Foto de arquivo
CA demanda residencias de creación e pensamento con peregrinos

CA levará ao Pleno unha proposición para que o Concello “innove nas políticas de posta en valor do Camiño de Santiago e aproveite o saber das persoas que opercorren”

Branca Novoneyra defenderá no Pleno da próxima semana unha proposición na que Compostela Aberta insta ao Goberno local a impulsar un programa de residencias de creación e pensamento, “para acoller o talento que a capital galega recibe polos diferentes Camiños de Santiago”. A concelleira explicou que a proposta “aséntase na necesidade de innovar nas políticas de posta en valor das rutas xacobeas, e máis ante a proximidade do próximo Xacobeo”.

Branca Novoneyra recordou que o Camiño de Santiago “foi e segue sendo unha vía para o diálogo entre diferentes pobos e culturas, a través das peregrinas e peregrinos que chegan a Compostela despois de atravesar un territorio diverso e multicultural, máis de 327.000 o ano pasado”. A concelleira tamén lamentou que, tal e como se recolle no primeiro informe anual da Cultura en Santiago, “só o 0,8 por cento dos visitantes que chegan á nosa cidade fano para asistir a un evento cultural, unha tendencia que é preciso reverter e ao que podería contribuír repensar a acollida das persoas que chegan a Compostela a través dos camiños de peregrinación”. Nesa liña, incidiu en que “as persoas peregrinas teñen unhas expectativas diferentes a dos turistas, chegan a Santiago cunha experiencia diferente, cun proceso de apertura vital e espiritual moi potente, que de seguro quixeran compartir a través dunha canle como serían estas residencias”

COMPARTIR O SABER DAS PERSOAS PEREGRINAS

O obxectivo da proposición presentada hoxe é que “as peregrinas e peregrinos con talento compartan o seu saber e a súa experiencia profesional e vital cos colectivos culturais e sociais de Santiago”. Nesa liña, Branca Novoneyra formulou algunhas opcións como “a celebración de encontros con peregrinas investigadoras na Casa das Mulleres Xohana Torres; con educadoras e educadores que poidan compartir as súas experiencias coas ANPAS de Compostela; ou con artistas que poidan desenvolver obradoiros coas asociacións do sector en espazos emblemáticos como o Teatro Principal, a Fundación Granell ou o Museo do Pobo Galego”.

A concelleira sinalou que “para planificar e darlle visibilidade a esta iniciativa, o Concello podería procurar a colaboración de institucións como a Universidade de Santiago, o Consello da Cultura Galega ou a Xunta de Galicia”. Ao respecto, Branca Novoneyra advertiu que “ímonos achegando ao Xacobeo e non coñecemos ningunha proposta concreta do Goberno local, máis alá da súa vontade de colaboración coas propostas que partan do Goberno Galego”, e incidiu en que “estas residencias poderían ser unha primeira proposta de programación propia do Concello en relación ao 2021”.

Comentarios