Os veciños de Miramontes piden o apoio da cidadanía para rexeitar o proxecto do vertedoiro

Os veciños de Miramontes piden o apoio da cidadanía para rexeitar o proxecto do vertedoiro
Os veciños de Miramontes piden o apoio da cidadanía para rexeitar o proxecto do vertedoiro

Os compoñentes tóxicos poderían chegar a filtrarse e afectar ao dominio público hidráulico, xa que se prevé a almacenaxe de miles de toneladas de residuos á intemperie e directamente sobre o terreo sen impermeabilizar

A empresa Áridos CNC está a solicitar autorización para iniciar unha actividade complementaria na canteira de Miramontes, en Grixoa. Trátase dun proxecto para a valorización de residuos da construción e demolición que se desenvolvería nas propias instalacións da canteira.

Actualmente o proxecto atópase en período de alegacións, polo que a Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes vén de facer un chamamento a través das súas redes sociais para intentar frear o procedemento.

A Plataforma afirma que dar luz verde a este proxecto sería un erro por moitos motivos: na canteira existe unha acumulación de actividades que xa foron recoñecidas como contaminantes por parte da Fiscalía, que denunciou ao vertedoiro e á planta de elaboración de tecnosolos por posible delito ambiental. Carece de sentido autorizar máis actividades que poderían aumentar os riscos para o medio ambiente e a seguridade dos veciños.

Sobre o papel o proxecto pretende parecer inocuo, dado que os residuos da construción que se prevé valorizar son considerados inertes pero, segundo recoñece o propio documento para a avaliación ambiental, entre os restos poden aparecer mesturados residuos perigosos.

No devandito documento non se especifica o protocolo a seguir no tocante aos residuos nocivos. Os compoñentes tóxicos poderían chegar a filtrarse e afectar ao dominio público hidráulico, xa que se prevé a almacenaxe de miles de toneladas de residuos á intemperie e directamente sobre o terreo sen impermeabilizar. 

A Plataforma quere lembrar que a vía de acceso á canteira non está acondicionada para recibir grandes niveis de tráfico pesado, e que mesmo os camións que se dirixen ao vertedoiro non dispoñen do permiso de paso. Por outro lado, a localización do complexo é de todo inadecuada, posto que está nun lugar elevado, moi preto das casas, de zonas con actividade agrícola e gandeira, de fontes veciñais e de regatos que van parar ao río Tambre.

É importante saber que, legalmente, en materia de medio ambiente todo o mundo é afectado, polo que non só os veciños e veciñas que padecen as molestias diarias poden presentar alegacións. Calquera persoa sensibilizada coa causa pode enviar as súas consideracións de forma telemática mediante un sinxelo formulario. O prazo para facelo remata o 20 de decembro. A Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago de Compostela (FERUSA), está colaborando coa Plataforma para elaborar e presentar as súas alegacións conxuntas. 

Comentarios
Lo más