O Grupo Común da Esquerda amosa o seu apoio ás reivindicacións do profesorado na xornada de folga de hoxe

O Grupo Común da Esquerda amosa o seu apoio ás reivindicacións do profesorado na xornada de folga de hoxe
O Grupo Común da Esquerda amosa o seu apoio ás reivindicacións do profesorado na xornada de folga de hoxe


Rexistrou tamén unha iniciativa no Parlamento para a recuperación dos dereitos laborais e horarios lectivos que reclaman os docentes


O Grupo Común da Esquerda traslada ao profesorado de ensino primario e secundario o seu pleno apoio de cara á xornada unitaria de folga que terá lugar hoxe. "Pídese algo tan básico como a recuperación do horario lectivo que tiñan antes da aplicación dos recortes coa escusa da crise económica; isto é, volver ás 18 horas en Primaria e 21 en Secundaria para que poidan adicar o resto da súa xornada a tarefas fundamentais que repercuten na mellora da calidade do ensino, como a atención personalizada ás nenas e nenos", defendeu Luca Chao.

A voceira do Grupo Común da Esquerda lembrou tamén que o presidente da Xunta leva dous anos dicindo que "saímos da crise", e que polo tanto "é hora de que iso se demostre recuperando os dereitos laborais do profesorado e blindando o dereito ao ensino público e a calidade educativa". A iniciativa rexistrada no Parlamento por parte do Grupo vai encamiñada á recuperación do horario lectivo previo á crise, así como a instar á Xunta a recuperar o diálogo cos axentes sociais para trazar un plan de recuperación dos dereitos laborais do persoal docente.

Hoxe varias deputadas do Grupo Común da Esquerda acompañarán aos docentes na manifestación que terá lugar ás 12:00 horas na Praza de Cervantes, agardando que a Consellería atenda ás demandas dos sindicatos e do conxunto do colectivo docente. 

Comentarios