Oroso contará con preto de 500.000 euros do Plan Único 2020 da Deputación

Oroso contará con preto de 500.000 euros do Plan Único 2020 da Deputación
Oroso contará con preto de 500.000 euros do Plan Único 2020 da Deputación

“Aínda que a Deputación o permite, non adicaremos nin un só euro a gasto corrente, incluso desde o Concello aportaremos cartos para completar o plan”, asegura Manuel Mirás, alcalde de Oroso

O Concello de Oroso levará a un pleno municipal a próxima semana as obras e investimentos que incluirá no Plan Único 2020 da Deputación da Coruña, cun orzamento total de 497.279,47 euros.

“Desa cantidade, non adicaremos nin un só euro a gasto corrente, aínda que a propia Deputación o permite, incluso desde o Concello aportaremos cartos para completar o plan”, asegura Manuel Mirás, alcalde de Oroso. Dos 497.279,47 euros, 19.654,91 euros sairán das arcas municipais.

As partidas irán a diferentes proxectos, no centro e nas parroquias, como as melloras na rede viaria en Oroso Pequeno, Oroso de Abaixo e avenida de Castelao; e a instalación dun novo pavimento na avenida Álvaro Cunqueiro e na praza de Isaac Díaz Pardo.

As melloras na rede viaria chegarán tamén a Cabanas, Sar (Os Ánxeles); San Román de Abaixo (Pasarelos), Ventosa (Cardama), Oroso Pequeno (A Gándara), o Barral (Villaromarís), e a urbanización Porto Avieira.

Por outra parte, haberá obras para ampliar a calzada de parte do vial que une os núcleos de Piñeirón e Carollo (Cardama), e dentro do plan complementario, traballos para mellorar a rede viaria nos lugares de A Igrexa e Bouzalonga, así como a ampliación do vial entre os núcleos de Requeixo e Eirís (Cardama).

“Somos un concello saneado económicamente a pesares de que temos unha presión fiscal que está entre as máis baixas de Galicia, por iso podemos adicar este tipo de plans a mellorar as infraestruturas e os servizos básicos, non a gasto corrente ou a pagar débedas”, explica Mirás.

Comentarios
Lo más