O profesorado galego enchou as rúas de Compostela para recuperar o horario lectivo previo á crise

O profesorado galego enchou as rúas de Compostela para recuperar o horario lectivo previo á crise
O profesorado galego enchou as rúas de Compostela para recuperar o horario lectivo previo á crise

Ao remate da manifestación, representantes de todas as organizacións convocantes leron un manifesto no que se incidiu na devolución das 18 horas en secundaria e fp e nas 21 en primaria, educación infantil e educación especial. Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino anunciou que se a administración segue sen querer negociar esta cuestión continuarán coas mobilizacións até as últimas consecuencias

“Mollámonos polo ensino público galego”, así finalizou a súa intervención o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, ao remate da manifestación celebrada esta mañá en Compostela na que participou profesorado do ensino público non universitario procedente de todo o país. 

A choiva non foi un impedimento para que o persoal docente da Consellaría de Educación berrara hoxe ben alto que abonda de recortes e que quere recuperar os dereitos que lle foron roubados coa escusa da crise, comezando polo horario lectivo de 18 períodos máximos semanais en secundaria, fp e ensinanzas de réximes especial e 21 en infantil, primaria e educación especial. 

O incremento a 25 horas neste último caso aprobado polo goberno da Xunta en 2011 e a 20 horas en secundaria, decretado por Rajoy en 2012, significou a perda duns 1.200 postos de traballo, fundamentalmente neste último corpo, e implicou un aumento do número de alumnado por aula, do número de profesorado que ten que impartir materias das que non é especialista, chegando nestes momentos ás dúas terceiras partes de todo o colectivo, e as itinerancias entre centros. Neste último caso hai que lembrar que o profesorado especialista na atención á diversidade (das especialidades de Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica) é o que máis ten que compartir centros.

No manifesto que se leu ao final da mobilización fronte ás dependencias de San Caetano Suso Bermello lembrou que “o profesorado galego está canso de cargar con todos os recortes e que non renuncia a recuperar ningún dos dereitos roubados, que non son privilexios como quere trasladar a administración, senón que foron conquistados a base de presión social como a que estamos dispostos a seguir facendo até negociar un calendario de restitución dos mesmos”. 

A volta ás 18 e ás 21 horas servirá para que a titoría en infantil e primaria poida atender mellor o alumnado, para volver facer desdobres, mellorar a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, cada vez máis numeroso nas aulas, coordinarse entre os distintos departamentos co departamento de Orientación, realizar máis actividades extraescolares e participar en proxectos de renovación pedagóxica. “Trátase polo tanto de traballar en mellores condicións e non de traballar menos”, incidiu Bermello nas súas declaracións aos medios.

O principal beneficiado desta recuperación será o alumnado e a calidade do ensino público galego, “o auténtico garante da equidade social”, xa que o profesorado seguirá tendo as mesmas horas de xornada laboral semanal simplemente que distribuídas doutro xeito. No caso de secundaria sempre se impartiron 18 horas semanais até o recorte de 2012 e no caso de primaria as 21 foron froito dun acordo entre o goberno galego e os sindicatos no ano 2007 co obxectivo de reducir as diferenzas de condicións laborais entre os dous corpos.

SEGUIMENTO DO 60% DA FOLGA

Segundo datos recabados polos sindicatos con chamadas directas aos centros educativos desde primeira hora da mañá, o profesorado secundou maioritariamente esta folga cun seguimento que rolda o 60% e nalgúns casos con todo o claustro ausente.

Comentarios
Lo más