O Hospital do Barbanza pon en marcha o programa de rehabilitación cardíaca

O Hospital do Barbanza pon en marcha o programa de rehabilitación cardíaca
O Hospital do Barbanza pon en marcha o programa de rehabilitación cardíaca

A Unidade de RhC ampliou este ano as indicacións de inclusión. Aos doentes con infarto agudo de miocardio súmanse os de insuficiencia cardíaca, hipertensión pulmonar primaria, pacientes con cancro de mama en tratamento con quimioterapia e pacientes intervidos de estenose valvular aórtica

A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza foi pioneira a nivel nacional na extensión do seu programa de rehabilitación cardíaca no eido da atención primaria no 2018 coa implantación do programa no Centro de saúde en A Estrada. Este ano, con obxectivo de seguir achegando a rehabilitación cardíaca a carón dos doentes cando a súa situación clínica o permita, pon en marcha a unidade de rehabilitación cardíaca no Hospital da Barbanza, sendo o primeiro hospital comarcal galego, e un dos poucos de España, en contar con esta prestación. Ademais, amplíase a capacidade do ximnasio de RhC do Hospital Clínico para poder incluír doentes con outras patoloxías cardíacas. A compra de aparataxe necesario para estas dúas iniciativas realízase con fondos doados polo empresario Ramiro Carregal.

Onte, o empresario acudíu ao Hospital da barbanza para a presentación do programa, nun acto ao presidido pola xerente da Área de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, acompañada polo director do Distrito Sanitario da Barbanza, Salvador Mariño, o xefe do Servizo de Cardioloxía, José Ramón González-Juanatey, o xefe do Servizo de Rehabilitación, Jesús Figueroa, ademais de Carlos Peña, cardiólogo, Bibiana Villamayor, Rehabilitadora e Ruben Iglesias, coordinador de Fisioterapia. 

O Hospital Clínico conta cunha unidade de Rehabilitación Cardíaca desde 2015 e trala experiencia acumulada aposta por achegala ao entorno máis próximo aos doentes. Estímase que os programas de rehabilitación cardíaca reducen a morbimortalidade en case un 25 %.

O Programa Multidisciplinar de Rehabilitación Cardíaca da sanidade pública compostelá ten valorado más de 2.000 pacientes desde a súa posta en marcha en 2015. Trátase de doentes que presentaron un infarto agudo de miocardio aos que se lle valoraba como candidatos para incorporalos nun plan de prevención que busca diminuír o risco que teñen de volver presentar eventos cardíacos, calculado en preto dun 10%. Durante o ano 2018 participaron no programa de rehabilitación cardíaca máis de 400 pacientes.

Como novidade, neste ano ademais dos pacientes que sufriron infarto agudo de miocardio incluíronse no programa pacientes con insuficiencia cardíaca, hipertensión pulmonar primaria, pacientes con cancro de mama en tratamento con quimioterapia e pacientes intervidos de estenose valvular aórtica. Este incremento das indicacións e da actividade asistencial acompáñase da necesidade de achegar os programas á poboación facilitando a accesibilidade. 

A doazón do empresario Ramiro Carregal permitiu dotar de tres postos de adestramento no Ximnasio de Rehabilitación do Hospital de Barbanza e outros tres postos no Ximnasio de Rehabilitación Cardíaca do Hospital Clínico de Santiago.

O programa completo de rehabilitación cardíaca da xerencia compostelá consiste nun seguimento próximo durante 2-3 meses por unha enfermeira especializada, dispoñibilidade de consulta porta aberta (sen necesidade de cita) con especialista en cardioloxía e médico rehabilitador, servizos de psicoloxía clínica, consulta específica antitabaco por pneumólogo especializado e un programa presencial de exercicio físico no ximnasio situado no Hospital Clínico 

No ano 2018 completaron o programa de adestramento supervisado por fisioterapeuta máis de 400 pacientes, que representan case o 50% dos pacientes con infarto agudo de miocardio aos que se lles ofreceu. Estes pacientes teñen un mellor prognóstico, con taxas de eventos graves menor do 1% ao ano de presentar o infarto, prognóstico mellor que o dos pacientes que non seguen estes programas. Incrementar a participación no programa de rehabilitación cardíaca é unha das principais propostas das sociedades internacionais de cardioloxía.

Ao redor do 80% dos pacientes que sofren un infarto agudo de miocardio tratados no Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico de Santiago son de fóra do concello de Santiago, con predominio das zonas rurais. A distancia ao centro é un dos factores que determinan que os pacientes non participen no programa e deixen de beneficiarse das vantaxes  que comporta.

O desenvolvemento de unidades comunitarias de rehabilitación cardíaca é un dos obxectivos marcados pola Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza achegando os programas de exercicio físico a pacientes con cardiopatía aos centros de saúde, facilitando o seguimento dos programas de adestramento e o mantemento a longo prazo do cambio de hábitos cardiosaudables, especialmente tras o infarto agudo de miocardio. 

Os programas de rehabilitación cardíaca demostraron reducir a morbi-mortalidade en case un 25 %, e ao achegar as unidades de rehabilitación cardíaca á contorna onde vive o cidadán, mellorase a accesibilidade, a adherencia, a equidade, dado que se facilita que os pacientes con problemas de desprazamento (funcionais ou sociais) se adhiran ao proceso.

Comentarios