Noia acenderá o seu alumeado de Nadal hoxe ás 19:00 horas

Noia acenderá o seu alumeado de Nadal hoxe ás 19:00 horas
Noia acenderá o seu alumeado de Nadal hoxe ás 19:00 horas

Mariola López agarda que o novo alumeado e a nova decoración, na que colaboraron os nenos e nenas dos catro colexios do municipio, sexa un atractivo para fomentar a actividade comercial e hostaleira

O Concello de Noia procederá hoxe venres 13 de decembro, ás 19:00 horas, ao acendido do novo alumeado e decoración de Nadal. Unha decoración novidosa este ano tanto nos seus adornos como na participación, por primeira vez, do alumnado dos catro colexios do municipio: Felipe de Castro, Alexandre Cadarso, María Assumpta e Jaime Balmes. 

A concelleira de Comercio, Mariola López, explica que “para que a decoración deste ano fose máis participativa decidimos dende o Concello, xunto con Noia Histórica, facer partícipes aos nenos e nenas para que cada un deles deseñase o adorno de Nadal que quixera. Coa forma e os materiais que eles escolleran, ao seu libre albedrío. E teño admitir que estamos moi sorprendidos tanto pola cantidade de adornos como pola súa calidade”. Neste sentido, a concelleira agradeceu a colaboración do profesorado dos catro centros escolares, que dende o primeiro momento se sumaron ao proxecto.

“A nosa idea inicial era utilizar os adornos para decorar os laranxos da Carreiriña, pero tivemos tantos elementos decorativos que puidemos tamén decorar o magnolio da Praza das Américas e as árbores dos xardíns Felipe de Castro. Ademais, aqueles adornos que estaban feitos en materiais máis fráxiles se colocaron no Claustro, polo que animamos aos nosos nenos e nenas a buscar o seu”, apunta López Cierto.

POSTAL DE NADAL

Estes adornos da rapazada conviven cos instalados este ano dende a Concellería de Comercio, que instalou catro grandes elementos decorativos con motivos navideños: un candil de 4 metros de altura na Porta da Vila, un banco con neve na Praza do Cantón, un carro con renos na Praza da Constitución e unha gran bola de luz na Praza do Tapal. Unha decoración que se complementou con poinsettias naturais (flores de pascua) non só no casco histórico, senón noutras rúas da vila.

“Con esta decoración o que buscamos é darlle unha visión diferente ás nosas rúas, con elementos innovadores que lle acaen perfectamente ao noso casco histórico e conforman auténticas postais de Nadal que convido a visitar aos veciños e veciñas de toda a comarca”, sinala Mariola López, quen convida aos visitantes “a descubrir estas postais e mercar no comercio de Noia, un comercio de calidade, no que poderán atopar todo tipo de produtos, a mellor atención e comprar con tranquilidade e sen agobios”. 

Comentarios