Ponse en marcha a campaña Ilumina o teu sorriso para promocionar o comercio de Ames

Ponse en marcha a campaña Ilumina o teu sorriso para promocionar o comercio de Ames
Ponse en marcha a campaña Ilumina o teu sorriso para promocionar o comercio de Ames

O Concello de Ames e mailas asociación de comerciantes e empresarios do municipio presentaron a campaña Ilumina o teu sorriso, a través da cal se pretende promocionar o comercio local. 

Deste xeito, ponse en marcha un concurso de fotografía no que haberá que facer catro fotos en diferentes lugares de Bertamiráns e do Milladoiro. Entre os participantes sortearase un teléfono móbil de última xeración. O obxectivo é conseguir que a veciñanza de Bertamiráns se desprace ao Milladoiro e viceversa, para fomentar as actividades de Nadal na rúa ao tempo que se merca nos establecementos comercias amesáns.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar, José Manuel Fernández; a técnica da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, Salomé Blanco; e mailo presidente da Asociación Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López; presentaron esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello a campaña Ilumina o teu sorriso.

Para participar no concurso haberá que facer unha foto en catro lugares do concello: na árbore de Nadal da praza do Concello, no motivo luminoso co número 2020 da praza da Maía; nas pérgolas iluminadas que están na praza de Manuel Murguía e na bola xigante situada na praza da Madalena, no Milladoiro. As catro fotos haberá que envíalas ao enderezo amesnarua@gmail.com. As persoas que envíen as fotos entrarán no sorteo dun teléfono móbil de última xeración doado pola clínica dental Lindo Dente.

Neste certame poden participar persoas maiores de 18 anos e as fotografías teñen que ser inéditas, presentando cada participante unha fotografía de cada un dos catro lugares predeterminados. Soamente se permitirá unha participación por persoa.

Nas fotos poderán saír as persoas participantes no concurso xunto aos elementos decorativos de Nadal ou tan só poden saír fotografados os elemento decorativos. O prazo para participar no concurso estará aberto ata o 7 de xaneiro. Unha vez rematado o concurso farase unha selección das fotos máis orixinais que serán expostas nun local municipal. Ademais, todas as fotos que se envíen serán colgadas na canle de Instagram chamada @amesnarua co hashtag #iluminaoteusorriso19.

Iniciativa para fomentar e dinamizar o comercio local

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceulle as asociacións de comerciantes e empresarios que “elixiran para incluír no concurso os novos elementos decorativos do alumeado de Nadal. Tamén quero agradecer a clínica Dental Lindo Dente e ao estudo de fotografía Pixelin Photo por colaborar nesta iniciativa”. Ana Belén Paz tamén incidiu en que “estas iniciativas son moi importantes para fomentar e dinamizar o comercio local. Por último, animar aos veciños/as e visitantes a que iluminen o seu sorriso e gocen do Nadal en Ames”.

O presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar, José Manuel Fernández, dixo “parécenos moi acertado para esta campaña de Nadal facer un concurso fotográfico, porque permitirá que os veciños/as do Milladoiro se acheguen ata Bertamiráns e os de Bertamiráns ata O Milladoiro. É un concurso fotográfico que pode ser moi especial e pode ser un punto de partida para descubrir novos artistas. Ames ten recunchos moi importantes, pero as fotos destas catro prazas poden ser moi curiosas e poderían servir para despois empregar nalgún calendario ou outro tipo de material”.

A técnica da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, Salomé Blanco, indicou “alégrome que os empresarios do polígono participen nunha actividade tan novidosa como esta. Non coñezo ningún concurso que promocione a mobilidade da veciñanza entre dous núcleos urbanos. Animamos a xente das parroquias a que tamén participen no concurso e se acheguen a Bertamiráns e O Milladoiro a gozar do seu Nadal”. 

O presidente da Asociación Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López, explicou a dinámica do concurso. “Hai que sacar dúas fotos no Milladoiro e outra dúas en Bertamiráns cos distintos motivos luminosos que hai nas prazas do Concello e da Maía, en Bertamiráns, e de Manuel Murguía e Madalena, no Milladoiro. Animo a toda á veciñanza a participar no concurso, a ver o alumeado de Nadal de Bertamiráns e do Milladoiro e a mercar nos comercios de Ames”.

Concurso de escaparates

Por outra banda, a Concellaría de Promoción Económica volve convocar, un ano máis, o Concurso de Escaparates de Nadal. As persoas que queiran participar deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. Os escaparates deberán permanecer expostos entre o 23 de decembro de 2019 e o 7 de xaneiro de 2020. As solicitudes de inscrición poderán entregarse no rexistro municipal ata o vindeiro 20 de decembro.

Premendo no documento que está ao pé desta nova poderás obter as bases e o impreso de inscrición do XIV Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames.

Comentarios