Bo ambiente no Mercadiño de Nadal da Baña

Bo ambiente no Mercadiño de Nadal da Baña
Bo ambiente no Mercadiño de Nadal da Baña

Postos de artesanía, alimentación, flores e xoguetes nos que poder mercar os últimos agasallos destas festas

A visita de Papá Noel, a máis esperara da xornada, encheu de ilusión o polideportivo de San Vicenzo, onde se xuntaron preto de corenta artesáns e comerciantes para participar na novena edición do Mercadiño de Nadal da Baña, no que se puideron mercar para facer os últimos agasallos destas datas produtos de artesanía, alimentación, flores e xoguetes. Dende primeiras horas da mañá nenos e nenas pasárono en grande subíndose á zorra de Papá Noel e cos xogos que prepararon os membros do obradoiro de emprego Xóvenes 2019.

Os Campantes da Baña foron os encargados de poñer a música e animar aínda máis un ambiente festivo, no que moitos dos visitantes aproveitaron para mercar os últimos agasallos destas datas. E precisamente todas as persoas que fixeron algunha compra neste Mercadiño de Nadal participan no sorteo dunha cesta chea de agasallos doados polos postos presentes no mercado.

Xa pola mañá, a cativada gozaba na ludoteca que preparou a organización e nos xogos que dinamizaban os mozos e mozas menores de 30 anos de Val do Dubra, A Baña, Negreira, e Santa Comba que participan no obradoiro de emprego Xóvenes 2019, que se están formando nas actividades de animación física, deportiva e recreativa.

E despois de xantar chegaron os espectáculos preparados especialmente para os máis novos, co ‘Autoestopista intergaláctico’ de Aitor Zamuz e o ilusionismo de Fani Triana, aínda que o gran protagonista da xornada foi, sen dúbida, Papá Noel, que chegará as seis da tarde do seu saco cargado de ilusións e agasallos para todos os participantes.

No polideportivo de San Vicenzo –ata onde se trasladou o Mercadiño de Nadal por culpa do mal tempo– había postos con produtos artesáns feitos en madeira, roupa, cestos, bisutería, conchas e tamén xabóns naturais. Entre os produtos de alimentación que se poden mercar hai conservas, mel, galletas e de panadería. A todo elo engádense flores e xoguetes para que todo o mundo poida atopar os últimos regalos que facer neste Nadal.

Para xantar, pulpería Mambís encárgase de preparar polbo e churrasco para saciar os padais máis esixentes, ou algún que outro churro que preparan no posto de Marisú.

Comentarios