Rematan as obras de acondicionamento e reforma do pavillón polideportivo no Mesón do Vento

Rematan as obras de acondicionamento e reforma do pavillón polideportivo no Mesón do Vento
Rematan as obras de acondicionamento e reforma do pavillón polideportivo no Mesón do Vento

Con esta actuación tense executado a día de hoxe un dos maiores compromisos adquiridos pola concelleira de educación, Susana García, co CEIP do Mesón do Vento, a súa Anpa, e os veciños e usuarios habituais da instalación

Os departamentos de obras, educación e deportes do Concello de Ordes móstranse satisfeitos co resultado das obras de acondicionamento e reforma executadas nos pasados meses no polideportivo de Mesón do Vento, conforme a un proxecto que ascendeu a cantidade de 235.490,02 euros, financiados integramente con fondos propios municipais do orzamento 2019. Así o puideron comprobar a concelleira de industria e veciña da parroquia de Ardemil, Jessica López, e o concelleiro de obras e infraestruturas, José Antonio Cabeza na visita efectuada a remodelada instalación deportiva.

OBRA AGARDADA E COMPROMETIDA COA COAMUNIDADE EDUCATIVA

A necesidade da obra era mais que evidente en unha instalación con uso por parte de un centro educativo e outros deportistas e clubs, pois atopábase en moi mal estado. No ano 2017 xa se acorda en un encontro coa Anpa e coa comunidade educativa a intención de acometer unha mellora no polideportivo de menor categoría a agora realizada, polo que en 2018 analizadas as necesidades reais por todas as partes decídese demorar a obra inicial e agardar un ano mais e posibilitar que a actuación sexa integral, como así se contemplou no proxecto que agora se acaba de rematar. E foi cos orzamentos de 2019 aprobados en novembro de 2018 cando se consigna a cantidade total da obra por importe de 235.490,02 euros, coa intención de licitar as obras e poder comezalas logo do inicio das vacacións escolares do pasado mes de xuño. 

Na execución xurdiron algúns imprevistos no perímetro da antiga pista de formigón así como nas drenaxes perimetrais do conxunto que obrigaron a retrasar os prazos inicialmente previstos e acometer melloras inicialmente non contempladas. No pasado mes de novembro fíxose unha recepción parcial das obras, a espera da colocación das condicións adecuadas para colocar o pavimento vinílico da pista, actuación esta acometida a semana pasada e que concluíu nos pasados días coas delimitacións das áreas de deporte con pintura.

Con esta actuación tense executado a día de hoxe un dos maiores compromisos adquiridos pola concelleira de educación, Susana García, co CEIP do Mesón do Vento, a súa Anpa, e os veciños e usuarios habituais da instalación; quedando aínda pendente de executar unha pequena pasarela que comunique o centro educativo co polideportivo ao fin de que os alumnos e alumnas poidan acceder sempre por un espazo cuberto.

INSTALACIÓN E DESCRICIÓN DAS OBRAS REALIZADAS

O polideportivo existente atópase no recinto do CEIP Mesón do Vento, e é empregado por este centro no horario lectivo e nas actividades extraescolares. Aparte de iso a pista deportiva e o ximnasio interior son empregados habitualmente por veciños e deportistas da contorna previa solicitude no departamento de deportes do concello. Asimesmo é habitual que en determinadas épocas do ano poida ser empregado por grupos de peregrinos para pernoctar, sempre coa reserva oportuna aprobada dende o concello.

As actuacións realizadas na infraestrutura deportiva supuxeron a retirada da cuberta de chapa e substitución por unha nova de panel sándwich de 30 mm. e con translucidos, e chapas miniondas perimetrais. Modificouse completamente a distribución interior da zona de vestiarios e almacén, acometendo novas instalacións de fontanería, saneamento, baixa tensión e alumeado, así como todos os acabados en paramentos verticais e horizontais, todas as luminarias do conxunto incluídas as de emerxencia pasaron a ser de tecnoloxía LED.

Na zona de polideportivo, aparte de mellorar os accesos de portas e portais, colocouse un novo pavimento vinílico multideporte de 2,1 mm de espesor, tipo pavigrass rolling floor, composto de un vinilo plastificado reforzado con malla de fibra de vidro sobre unha capa de espuma de alta densidade e con estrutura celular pechada. En todos os piares colocáronse proteccións nos seus cantos con espuma adherida, cun grado de absorción de impactos suficiente segundo a normativa vixente.

Para evitar calquera filtración por capilaridade, executouse unha zanxa drenante filtrante en trasdós dos muros, para captación de augas soterradas e evitar encharcamentos, impermeabilizando os muros con morteiro cementoso.

Na zona dos vestiarios e do tatami-ximnasio executouse asimesmo un trasdosado cara a fachada exterior con placas de ieso laminado de polistireno expandido e lámina de aluminio.

Completan as actuacións a colocación de asentos nas gradas, bancos de taboleiro fenólico HPL e estrutura de aceiro nos vestiarios, así como o pintado na pista vinílica das liñas necesarias para diversos deportes: fútbol sala, baloncesto, tenis, etc.

Comentarios
Lo más