O BNG inclúe investimentos de 345.000 euros no POS+2020

O BNG inclúe investimentos de 345.000 euros no POS+2020
O BNG inclúe investimentos de 345.000 euros no POS+2020

Os nacionalistas optaron por unha abstención crítica pola falta de diálogo e participación

A Corporación Municipal de Ribeira aprobou nun pleno extraordinario celebrado este 16 de decembro, destinar case 108.000 euros para a redución da débeda e 780.000 euros para diversas obras de saneamento do municipio, mellora do alumeado e a pavimentación de dúas rúas e unha praza.

Desde o BNG entenden que moitas das obras que se recollen neste plan da Deputación, supoñen melloras para a veciñanza posto que case todas optan por avanzar en aspectos como o correcto saneamento do municipio, a mellora do alumeado e polo tanto da seguridade nas rúas e o pavimentado de dúas rúas e unha praza.   

O edil Luís Pérez Barral argumentou que “o BNG non está en contra de ningunha das obras que se propoñen porque contribúen a mellorar servizos para a veciñanza pero si estamos en contra da actuación como goberno pola falta de diálogo e consenso á hora de escoller as actuacións”. Neste sentido, o Bloque esixe maior dialogo e consenso para a escolla das obras a incluír no Plan de Obras da Deputación. “Quero lembrarlles, por se ás veces o esquecen, que vostedes teñen 9 dos 21 membros da Corporación e non nos vale coa desculpa de metemos cousas que foron a pleno porque quizais as prioridades neste momento son outras” lamentou Pérez Barral.           

Os nacionalistas defenden a súa posición dicindo que fixeron propostas que non se inclúen no plan coa desculpa do goberno de que "non hai tempo para planificalo”,  cuestión que foi duramente recriminada por Pérez Barral “o goberno debería convocar aos grupos con antelación para poder dialogar en tempo e forma a culpa disto, é exclusiva súa e do seu equipo señor Ruiz”.     

"RESPONSABILIDADE COA VECIÑANZA"

O BNG, por responsabilidade e por compromiso coa veciñanza, optou por unha abstención crítica, pois entenden que o mal facer do goberno non pode ser desculpa para negarlle aos veciños e veciñas as actuacións que precisan.

Algunhas das obras demandas pola veciñanza foron defendidas polo BNG como son as pavimentación no camiño da Gándara en Artes (34.400€) estrada que conecta esta parroquia co Hospital da Barbanza e cunha área de lecer e estaba en moi mal estado porque as  raíces dos piñeiros que levantan o firme e a pavimentación da praza da Amarella (58.464€), demandada polos nacionalistas e que contribuirá a paliar o esquecemento que o goberno local está facendo co barrio do Monumento.

Con respecto ao aumento da iluminación pública (57.500€) en rúas do centro urbano (rúa de Lugo, Rosalía de Castro e Galiza) é outra das cuestións que o Bloque tratou e non só porque vaia aumentar a luz das rúas, senón que iso implica mellorar a seguridade para os comercios e para as persoas que transiten de noite por elas, nomeadamente, mulleres “porque tamén nisto hai cuestión de xénero que hai que contemplar” defendeu o edil nacionalista.

A instalación do saneamento e do pozo de bombeo no lugar de Agrelo en Olveira (194.823€) mereceu unha mención a parte. É unha obra longamente demandada pola veciñanza da parroquia para evitar ter que andar con tractores baleirando os pozos negros con todas as incomodidades que iso implica. O Bloque resaltou, unha vez máis, a nefasta planificación que ten o goberno, pois hai menos de 3 anos que se renovou o firme de toda a estrada. Os nacionalistas preguntaron “por que non se contemplou a instalación do saneamento antes de proceder á renovación do asfalto e das beirarrúas? Agora volvemos ao de sempre, levantar o firme novo para poder meter o saneamento e isto é unha mala planificación que evidencia un mal uso dos fondos públicos”.

Comentarios