Volven en febreiro as visitas teatralizadas á Casa-Museo de Rosalía de Castro

Volven en febreiro as visitas teatralizadas á Casa-Museo de Rosalía de Castro
Volven en febreiro as visitas teatralizadas á Casa-Museo de Rosalía de Castro

Máis de 200 persoas participaron en outubro e novembro nesta iniciativa, desenvolta polo Concello de Padrón ao abeiro do programa O Teu Xacobeo que impulsa a Consellería de Cultura e Turismo

As visitas teatralizadas á Casa-Museo Rosalía de Castro abriranse durante o próximo mes de febreiro á comunidade escolar de Padrón. Así, o alumnado do CEIP Rosalía de Castro, do CEIP Flavia e das escolas unitarias achegaranse á Casa-Museo Rosalía de Castro os días 11, 12, 13, 19 e 20 de febreiro para desfrutar desta actividade que protagoniza a compañía de teatro Os Quinquilláns e que organiza o Concello de Padrón no marco do programa O Teu Xacobeo, promovido pola Xunta de Galicia.

A concelleira de Turismo e Xacobeo 21, Lorena Couso, destaca que “as visitas teatralizadas están a ser todo un éxito. Dende que comezamos con estas representacións gratuítas o pasado 5 de outubro, máis de duascentas persoas participaron na actividade. De feito, nas sete visitas realizadas en outubro e novembro se completaron as prazas e temos moita xente na lista de agarda”. Unhas postas en escena nas que Os Quinquilláns, encarnando a Rosalía de Castro e ao pintor Modesto Brocos (autor do único retrato pintado en vida da escritora), convidan aos asistentes a percorrer a casa-museo e os seus xardíns, ao tempo que os achegan ao mundo rosaliano.

Ante este éxito de asistencia, o Concello de Padrón retomará a actividade todos os sábados de xaneiro e febreiro, ás 17:00 horas, e a partir do sábado 11 de xaneiro de 2020. Para participar só será preciso anotarse previamente na Oficina de Turismo de Padrón, chamando ao teléfono 646 593 319 ou enviando un mail a turismo@padron.gal. A visita é totalmente gratuíta, se ben o número de prazas está limitado a 35 persoas por representación.

As visitas teatralizadas á Casa-Museo Rosalía de Castro están enmarcadas no proxecto “Camiño Branco de Rosalía”, que o Concello de Padrón desenvolve ao abeiro das axudas do programa “O teu Xacobeo”, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de

 Galicia.

Comentarios
Lo más