Alertan do proxecto dun novo parque eólico na comarca de Ordes en pleno Camiño de Santiago

Alertan do proxecto dun novo parque eólico na comarca de Ordes en pleno Camiño de Santiago
Alertan do proxecto dun novo parque eólico na comarca de Ordes en pleno Camiño de Santiago
A asociación convoca unha reunión de urxencia para este domingo, ás 12:00 horas, no recinto feiral do Mesón do Vento, para intercambiar impresións coa poboación máis afectada da zona, que sería a próxima ás aldeas de Axáns, o Seixo, A Barcula e Hospital de Bruma


O colectivo ‘Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas’ alerta sobre a solicitude formal dun novo parque eólico para a comarca de Ordes, chamado “Monte San Bartolomé” e que estaría situado en terreos que afectarían, dentro de Ordes, principalmente ao Mesón do Vento e Ardemil, A Barcula e Axáns, en Mesía ao Hospital de Bruma, e tamén os concellos coruñeses de Vizoño e Carral. 

A asociación consultou a semana pasada vía internet o Rexistro Eólico da Xunta de Galicia, e comprobou, para a súa sorpresa, que no mapa de proxectos da zona, aparece esta nova solicitude, que estaría levando a cabo a compañía Enel Green Power, filial de Endesa. O parque que solicita implantar a compañía estaría formado por 11 aeroxeradores de 150 metros de diámetro (os máis grandes proxectados para a comarca de todos os presentados até o de agora).

É chamativo que dito parque inclúe eólicos en localizacións iguais ás do chamado “Parque Eólico Ardemil”, que xa fora solicitado hai máis dun ano por Green Capital Power e que finalmente esta empresa retirou ante as presións da veciñanza e debido á proximidade ás casas e á total irresponsabilidade por escoller unhas ubicacións nada axeitadas para levar adiante un proxecto destas características.

O novo parque solicitado agora volve ter muíños de vento xigantes en fincas que están no propio Camiño de Santiago, e ademais hai eólicos que invaden terras da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. A ubicación dos muiños presentada inclúe aeroxeradores a pouco máis de medio quilómetro das casas de Axáns, da Barcula, do Seixo e do Hospital de Bruma, onde está localizado o albergue de peregrinos público que dinamiza turisticamente a comarca ordense.

Para informar sobre este proxecto e valorar coa veciñanza esta nova situación e as medidas de protesta a levar a cabo, a asociación Salvemos a Comarca de Ordes convoca para este domingo, 22 de decembro, ás 12:00 horas, no recinto feiral do Mesón do Vento, unha reunión aberta a todas as persoas afectadas e sensibilizadas.

Con este novo parque, serían xa seis os parques eólicos que hai solicitados ou en tramitación na comarca de Ordes (parque eólico Monte San Bartolomé, Solpor, Monte Inxerio, Meirama, Encrobas e Legre). A asociación reitera a súa oposición a todos eles e insiste en que a comarca debe ser retirada do Plan Sectorial Eólico de Galicia, tal e como refrendaron no seu día os alcaldes da Mancomunidade, pois este tipo de proxectos son incompatibles cos intereses socio-económicos da maioría da poboación e co respecto ao medio e ao patrimonio.

Comentarios