Padrón aproba o seu POS+2020 para investir máis de 200.000 en obras

Padrón aproba o seu POS+2020 para investir máis de 200.000 en obras
Padrón aproba o seu POS+2020 para investir máis de 200.000 en obras

Antonio Fernández convidou aos grupos da oposición “a presentaren propostas para os tres plans de obras que quedan na lexislatura” 

O pleno municipal de Padrón aprobou onte a proposta da Alcaldía para o Plan Único de Concellos “POS+ 2020” e o Plan Complementario de 2020, que destinará 216.683,38 euros a obras e 187.563,87 euros a gasto corrente. O alcalde, Antonio Fernández Angueira, salientou que os proxectos incluídos neste plan recollen “o importante compromiso do goberno local coas necesidades dos veciños e coa dinamización turística do seu entorno”. A proposta foi aprobada cos votos a favor dos grupos do PP, PSOE e BNG, e coa abstención de Compromiso por Galicia. 

O POS+ 2020 do Concello de Padrón ascende a 404.247,25 euros, dos que os 187.563,87 euros da Achega 2020 serán destinados a gasto corrente mentres que os 45.392,17 euros da Achega 2019 se investirán no retranqueo e reposición dun muro en Prada, na parroquia de Cruces. Así mesmo, Padrón adherirase ao Préstamo Provincial 2020, destinando os seus 171.291,21 euros a dous proxectos: pavimentación no lugar de Rial (Carcacía) e instalación dunha nova oficina de turismo que permita atender aos numerosos peregrinos que pasan pola vila –40.000 durante o ano pasado, segundo os últimos datos. Así a nova oficina de turismo pasará dos 12 m2 actuais a ter unha superficie construída de 98,49 m2

O Goberno de Padrón presentou outras once iniciativas, por un importe total de 811.019,5 euros, ao Plan Complementario. Así, o Concello de Padrón contempla 257.215 euros para cinco proxectos de pavimentación nos núcleos de Vilar (Estramundi), Pedreira (Padrón), Os Lagos (Cruces) e Cabelas-Pazos (Iria Flavia) así como en camiños en Sinde (Carcacía), Lamas e Agronovo (Estramundi), Cruces-Bascuas e na Escravitude (Cruces) e Picaraña ao Areal (Cruces) e na piscina da Escravitude. 

Outros dous proxectos permitirán investir 178.004,41 euros en saneamento en Vigo (Cruces) e na ampliación do saneamento en Carcacía. Tamén se contemplan 134.223,26 euros en dous proxectos de afirmado e acondicionamento de pistas nas aldeas de Tarrío, Prada e Lamas. Finalmente, achegaranse 57.000 euros aos camiños Cruces-Bascuas e nun camiño na Escravitude; e outros 125.000 euros para a adquisición dun vehículo para o servizo de recollida de residuos sólidos urbanos.

DEBATE PLENARIO

Se ben todos os grupos mostraron o seu apoio ao proxectos presentados polo goberno local, tamén coincidiron en reclamar máis diálogo e a posibilidade de participar de forma máis activa na elaboración deste tipo de proxectos de obras. O alcalde convidounos a “presentar suxerencias para os tres plans de obras que quedan nesta lexislatura”, se ben Antonio Fernández tamén sinalou que nesta ocasión non se recibiu ningunha proposta por parte de ningún grupo, “a pesar de que coñecen os tempos administrativos establecidos pola Deputación para a presentación e aprobación de iniciativas”, lembrando que “nos últimos catro anos tamén se trouxo a proposta o último día”.

Comentarios
Lo más