A Universidade estrea nova aplicación para teléfonos móbiles

A Universidade estrea nova aplicación para teléfonos móbiles
A Universidade estrea nova aplicación para teléfonos móbiles

A nova App albergará unha versión virtual da Tarxeta Universitaria Intelixente e permitirá recibir e intercambiar información actualizada ou realizar trámites coa Universidade de xeito máis doado

A USC acaba de dar un novo paso na súa transformación dixital co lanzamento dunha nova aplicación para dispositivos móbiles que abre novos espazos de diálogo coa comunidade universitaria e a contorna social. Esta App que xa pode descargase de balde, permitirá recibir e intercambiar información actualizada ou realizar trámites coa Universidade de xeito máis doado. A aplicación nace coa vontade de conformar unha canle áxil, eficiente e inmediata de conexión da USC cos seus públicos. 

A nova App alberga unha versión virtual da Tarxeta Universitaria Intelixente (TUI) e contén as súas funcionalidades no ámbito dos dispositivos móbiles facilitando, por exemplo, que á hora de pedir un libro no mostrador da biblioteca sexa suficiente con amosar a TUI que aparece dentro da App sen necesidade de levar a TUI física. Para executar esta funcionalidade xa están dotadas todas as salas da Universidade dun lector móbil e do software correspondente. Asemade, alberga un muro de noticias que manterá ao usuario informado de toda a actualidade da USC; un calendario institucional e académico, cualificacións ou mensaxería instantánea. Este sistema informa tamén da localización dos principais servizos aos que o alumnado pode ter que dirixirse nalgún momento.

A paulatina incorporación da App á vida cotiá das persoas que integran a comunidade universitaria permitirá, por exemplo, que aos alumnos e alumnas que se matriculen por primeira vez o vindeiro curso, non se lles entregue a TUI xa que esta xa está contida dentro da App. A partir de agora, tampouco se lles renovará a TUI física a aquelas persoas que a perdan. Esta nova aplicación nace como froito do convenio que a Universidade acaba de renovar co Banco Santander, e dende a USC segue a traballarse no desenvolvemento de novas funcionalidades futuras. A app da Universidade pode descargarse en calquera dispositivo iOS ou Android buscándoa directamente na tenda de aplicacións. 

NOVA WEB

O entorno visual atractivo e intuitivo caracteriza a esta nova aplicación que ve a luz unha semana despois de que a Universidade reforzase a súa aposta pola actualización das canles de comunicación a través da renovación da súa páxina web. Esta nova implementación deu tamén prioridade á consulta de información dende dispositivos móbiles, en consonancia coas demandas de usabilidade contrastadas en grupos de discusión con usuarios e usuarias.  A nova web está construída sobre unha base tecnolóxica completamente renovada, tanto no que respecta ao software que lle dá vida como á infraestrutura tecnolóxica que a sustenta, estando dotada ademais dunha estética e xerarquización de contidos completamente renovada. 

A app da USC pode descargarse en calquera dispositivo iOS ou Android buscándoa directamente na tenda de aplicacións.

Comentarios