Ordes ratifica o POS+2020 e aproba a nova taxa de utilización privativa do aproveitamento espacial do dominio público local

Ordes ratifica o POS+2020 e aproba a nova taxa de utilización privativa do aproveitamento espacial  do dominio público local
Ordes ratifica o POS+2020 e aproba a nova taxa de utilización privativa do aproveitamento espacial do dominio público local

Onte ao mediodía celebrouse un pleno extraordinario para ratificar as obras do POS+2020 aprobadas en XGL o pasado 13 de decembro

O pleno extraordinario de decembro, derradeiro do ano, comezou coa aprobación da acta da sesión anterior de data 28/11/2019. A continuación tomou posesión como concelleiro don Aítor Ribadas Gómez logo da renuncia de dona Alba Regos Mata. O seguinte punto foi a ratificación do POS+2020 (plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal – plan único de concellos), seguido da aprobación provisional da taxa pola autorización privativa de aproveitamentos especiais no dominio público local, a ampliación do plan normativo para incluír o regulamento do cemiterio municipal de O Balado, e rematou o pleno coa encomenda de xestión da contratación das obras da “vía verde” a cargo da Deputación Provincial de A Coruña.

TOMA DE POSESIÓN DO NOVO CONCELLEIRO

Tras a renuncia de dona Alba Regos Mata, ratificada polo pleno ordinario no mes de outubro, e logo de que se achegase a credencial expedida pola Xunta Electoral Central de designación como concelleiro desta entidade local a D. Aítor Ribadas Gómez; na sesión extraordinaria do mediodía tomou posesión do cargo prometendo o mesmo.

POS+2020

O terceiro punto da orde do día foi a ratificación do acordo da xunta de goberno local do pasado 13/12/2019, de participación no plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos). As contías, moi inferiores as de anos precedentes, corresponden coa achega 2020 por importe de 362.744,63 euros que vai integramente destinada a gasto corrente, a achega 2019 por importe de 87.787,51 euros, na que se incluíu o proxecto “Camiño da Aldea de Abaixo a Maquía e outros (Pereira)”, e o préstamo provincial de 331.273,63 euros a amortizar no exercicio 2020. 

Tamén se aprobaron 7 proxectos complementarios con obras en diferentes vías de lugares e parroquias do Concello: Reboredo, Merelle e O Conde (Ordes); Queis, Albariña, A Chan, Sobreira, Guindiboo e Castrelo (Montaos); a ampliación e mellora do vial dende o Peñasco pasando por Armada e O Casal ata o límite con Mesía (Vilamaior); Loureda, Igrexa, Portela e Meitufe (Leira); e o sobreancho e mellora de plataforma ata 5 metros do vial que une a Rúa con Carballedo (Buscás). Proxectos complementarios por un importe total de 744.755,92 euros.

Durante o debate o alcalde recordou os mais de 760.000 euros ao voceiro do BNG que se adebedan dende o ente provincial aínda non foron postos a disposición do Concello de Ordes a través de un plan adicional para reinvestimento de economías xeradas en baixas de licitación, anulación ou outras causas. Asimesmo pediulle ao Sr. Vidal Ríos que deixe de confundir a veciñanza con datos ou afirmacións que faltan a verdade en canto ao contido das bases do plan único.

O resultado da votación final logo do debate foi de 13 votos a favor (PP, UXO e BNG) e 1 abstención do BNG.

APROBACIÓN PROVISIONAL PARA A IMPOSICIÓN E ORDENACIÓN DE ORDENANZA FISCAL

O punto cuarto tratou a aprobación provisional do acordo de imposición da taxa polo utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte e distribución de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos, así como da aprobación da súa ordenanza reguladora e ámbito de aplicación. Todo elo avalado polo informe técnico económico correspondente que se comezou a tramitar por parte do goberno local a finais do ano 2016 encomendando dita tarefa ao enxeñeiro de telecomunicacións, don Luciano Otero Álvarez. Quen asimesmo logrou fai pouco mais de un ano que se recoñecese a participación do Concello de Ordes, nos terreos da central térmica de Meirama, que permitiu ingresos por BICES e IAE de aproximadamente 50.000 euros/ano.

Logo de unha quenda de palabra polos voceiros dos grupo, o acordo foi adoptado por unanimidade.

AMPLIACIÓN DO PLAN NORMATIVO 2020

Aos efectos de modificar o acordo do pleno do pasado 28/11/2019, de aprobación do Plan Anual Normativo do Concello de Ordes, tróuxose a este pleno a norma de nova aprobación do Regulamento do Cemiterio Municipal de O Balado, ao fin de establecer as condicións de utilización do servizo de cemiterio municipal. Aparte de ao fin de subsanar a non publicación no BOP no ano 1994, así como recoller os cambios normativos producidos en materia de cemiterios, tamén se pretende dar cumprimento aos acordos propostos aos veciños titulares de concesión que acometan as obras de mellora de cuberta proposta en 6 mazás do cemiterio, nas recentes xuntanzas mantidas na casa da cultura os pasados días 2 e 10 de decembro.

Este punto quedou aprobado polo pleno por unanimidade.

APROBACIÓN E ENCOMENDA DE XESTIÓN DO PROXECTO DAS OBRAS DA VÍA VERDE

Recibido o requirimento por parte da Deputación da Coruña o pasado día 9 de decembro, procédese finalmente a aprobar o proxecto técnico das obras Vía Verde de Santiago-Cerceda (Compostela-Tambre-Lengüelle) tramo 2 de Ordes a Cerceda; así como ratificar a resolución de alcaldía de data 26/11/2019, de encomenda de xestión e execución da obra, facultando ao alcalde a asinar o correspondente convenio no que se formalice, e finalmente asumir o compromiso de proceder ao mantemento e conservación de este tramo 2 de vía verde a partir da data de sinatura da acta de entrega das obras. Para acometer as obras cóntase con unha axuda de confinanciación FEDER por importe de 565.581,84 euros outorgada polo Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE).

O derradeiro punto da orde do día foi aprobado por unanimidade dos concelleiros presentes.

Comentarios
Lo más