Lousame destina máis de 207.000 euros á mellora da súa rede viaria municipal

Lousame destina máis de 207.000 euros á mellora da súa rede viaria municipal
Lousame destina máis de 207.000 euros á mellora da súa rede viaria municipal

A alcaldesa, Teresa Villaverde, lamenta a redución de fondos da Deputación que permitan manter os servizos xa establecidos

O Pleno do Concello de Lousame aprobou por unanimidade o investimento de máis de 207.000 euros en catro proxectos que permitirán unha considerable mellora en diversos tramos da rede viaria municipal. Estas iniciativas serán incluídas no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS + 2020.

Por volume orzamentario, o principal proxecto é o que acondicionará o camiño entre Vilacoba e Vilar de Recouso, dotado con 66.434 euros. Con 58.901 euros prevese intervir no acceso a Pousada desde a estrada de Portobravo a Tállara e tamén nun camiño transversal en Merelle. Un terceiro proxecto servirá para a pavimentación de viais en Guiende (Tállara) e do acceso a Merelle, entre outros tramos, sumando 43.398 euros. Por último, resérvanse 38.430 euros para o acceso a Comparada e a pavimentación en Bargo.

Dentro do Plan Complementario, que se executaría no caso de obter baixas de licitación dos demais proxectos, o Pleno decidiu incorporar un proxecto para o camiño que comunica Quintáns, Hora e Cairo, outro para o camiño que vai de Bargo a Fontefría, e outro para o camiño de Ces a Fruime. En conxunto suman algo máis de 193.000 euros.

OBSTÁCULOS PARA MANTER SERVIZOS

No mesmo plan aprobado por unanimidade, o Pleno incorporou a utilización duns 179.000 euros para gasto corrente, que se utilizará no mantemento de servizos xa establecidos. Neste sentido, a alcaldesa, Teresa Villaverde, lamentou que a Deputación reduza de novo a contía, case uns 40.000 euros menos en comparación co exercicio previo.

A rexedora considerou que “a Deputación ten un dos seus principais sentidos se apoia os Concellos pequenos e as súas achegas para gasto corrente son fundamentais para conservar servizos esenciais en municipios rurais como o noso”. Os recortes ano tras ano fan que “teñamos dificultades para mantelos”, tal como advertiu Villaverde, que confía en que o conxunto das forzas políticas representadas na Corporación a secunden nesta reivindicación ante o presidente provincial. 

Comentarios
Lo más