O derbi galego chega a Santa Isabel

O derbi  galego chega a Santa Isabel
O derbi galego chega a Santa Isabel

O primeiro derbi da temporada 2019-2020 chega a Santa Isabel este sábado ás 17:00. Ambos equipos acoden ao encontro cunha boa dinámica nun partido que será unha gran festa para o  futbol sala galego.

Os de Noia, situados na quinta praza da táboa, están obrigados a gañar para manterse en postos de  playoff.  Os visitantes veñen de empatar contra o Elxe CF en casa e queren a vitoria contra un rival que está nunha liña ascendente.

Os de David Rial, pola súa banda, veñen no mellor momento da temporada tras conseguir dúas vitorias consecutivas como visitantes. Os santiagueses queren certificar o seu bo momento levándose os tres puntos, pero sabendo que enfronte estará un rival moi esixente.

“É un partido diferente por todo o que se xera ao seu ao redor. Será un encontro bonito cun gran ambiente, no que espero que todos podamos gozar e no que Santa Isabel leve unha alegría” comentou David Rial en rolda de prensa.

“É das mellores plantillas da categoría, a súa obrigación é loitar por  playoff ata o final da liga. Ademais, xogue quen xogue sempre manteñen un ritmo moi alto. Eles tratarán de sumar 3 puntos despois de non gañar nas dúas últimas xornadas. Nós xogaremos as nosas bazas para sacar todo o posible” dixo o adestrador santiagués acerca do seu rival.

No partido, retransmitido en directo pola TVG2, sortearase unha cesta de Nadal, ademais de entradas para a pista de xeo de Área Central e o agasallo dunha bolsa ou camiseta de  Mahou para todos os abonados adultos que asistan.

Tamén se poñeran á venda bufandas oficiais do club de maneira individual por 12 euros ou ben por 15 cunha entrada para o próximo partido en casa contra o Real Betis Futsal o vindeiro venres 10 de xaneiro.

As entradas de público xeral terán un prezo de 15 € e para os menores de idade o custo será de 2€.  Recomendamos asistir coa suficiente antelación para evitar as aglomeracións no acceso a Santa Isabel.

Comentarios