Derbi con todas as letras en Santa Isabel

Derbi con todas as letras en Santa Isabel
Derbi con todas as letras en Santa Isabel

O derbi galego entre o Santiago Futsal e o Noia  Portus  Apostoli non decepcionou. O partido, último da primeira volta e que dá paso ao parón do Nadal, acolleu unha gran entrada en Santa Isabel debido á expectación que xeraba e pese ao temporal que azoutaba Galicia. 

Os locais chegaban no seu mellor momento, querendo sumar a terceira vitoria consecutiva despois das dúas logradas como visitantes nos últimos partidos. Os de David Rial, situados fóra dos postos de descenso matematicamente a falta de disputarse a última xornada, recibían aos de Noia, colocados en postos de  playoff e que chegaban a Santa Isabel co obxectivo de conseguir a súa primeira vitoria en liga en terras santiaguesas.

Os primeiros minutos do derbi desenvolvéronse como se esperaba, cos dous equipos loitando coma se cada balón fose o último. Os visitantes viñan con todo e comezaron probando a Brais. Dani Blanco contestou pouco despois, pero Alex despexou con criterio a córner. As ocasións visitantes viñeron con Porto e Colorado e os brancos cun  Peerapat que loitaba contra a gran defensa dos seus peches.

Foi Diz quen adiantou aos visitantes, rompendo o 0-0 inicial. O Santiago quíxose repoñer a través dun Pirata que case o consegue en dúas ocasións, a última moi preto do pau longo dos de Noia. Dani Blanco mandou un bo  cabezazo ao traveseiro nos últimos compases da primeira metade, pero os composteláns foron perdendo ao descanso.

Coa continuación seguiu o intercambio de golpes, sendo primeiro Colorado e despois Dani Blanco os artífices das ocasións. O Santiago tomou a iniciativa, primeiro con  Peerapat e logo con Isma, pero Pizarro case consegue poñer máis distancia, ao enviar un disparo raso ao pau.

O Noia tentou manter a posesión para facer correr o reloxo, pero a expulsión de Salgado deixounos nunha inferioridade que aproveitou  Peerapat. O  pivot tailandés recibiu no 34 de costas e virouse para bater a Alex por baixo das pernas, desatando o xúbilo da afección. A continuación o árbitro expulsou a Pizarro por protestar, sumando así a segunda vermella do conxunto visitante no partido.

Os minutos pasaban e o Santiago defendía con 5 faltas. Oriol  Miquel case decanta o encontro e  Brian tivo unha última ocasión ao enviar un  potentísimo disparo que Álex Pérez sacou con gran acerto, chegando o marcador en 1-1 aos 40 minutos.

Ao final do partido, o adestrador local David Rial comentou en rolda de prensa que “foi un partido moi disputado. Na primeira parte fomos superiores ao ser ordenados en defensa e propoñer xogo, a pesar de que non conseguimos materializar as ocasións. A partir do 0-1 o equipo soubo repoñerse e competir, loitando un punto contra un equipo de arriba, polo que temos que estar contentos. Foi unha boa primeira volta, pero debemos ser ambiciosos e seguir traballando desde o día 2 para seguir sumando”.

Os de Santiago despídense da primeira volta con 16 puntos, tomando vacacións ata o próximo día 2 de xaneiro cando retomarán os adestramentos para preparar o próximo choque de Copa Galicia.

Comentarios