Últimos días para anotarse no III Trail e Andaina Solidaria de Lousame

Últimos días para anotarse no III Trail e Andaina Solidaria de Lousame
Últimos días para anotarse no III Trail e Andaina Solidaria de Lousame

As inscricións estarán abertas ata as 23:59 horas do mércores 25 de decembro a través de www.emesports.es

Últimos días para anotarse na terceira edición do Trail San Silvestre “Minas de San Finx” e a Andaina Solidaria coa Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), que terán lugar durante a mañá do domingo 29 de decembro. Dúas iniciativas organizadas polo Concello de Lousame en colaboración co Club Lousame Deporte.

A dous días do peche de inscricións, xa hai máis de 300 persoas anotadas, se ben o concelleiro de Deportes de Lousame, Jesús Martínez, agarda “un forte incremento das inscricións ata o día de Nadal, xa que é moi habitual deixalo para última hora e tamén porque moita xente comproba o tempo que vai facer. E temos que dicir que, de acordo coas previsións de Meteogalicia, imos ter sorte e non choverá, o que de seguro atraerá a máis persoas”. Con datos ás 11:30 horas de hoxe luns, xa están cubertas 169 das 450 prazas ofertadas no Trail (entre os que figuran os campións da pasada edición, Aroa Sío e Luís Calvo); así como 144 na Andaina, que non ten límite de prazas. No pequetrail, novidade deste ano, de momento hai 6 inscricións. Nos tres casos, as inscricións deben formalizarse a través da web www.emesports.es.

Trail

O III Trail de Lousame terá lugar o domingo 29 de decembro e incluirá dúas modalidades: un Trail Longo de 25 km cun desnivel positivo de 1.000 metros e un Trail Curto de 15 km e un desnivel máis accesible (400 metros positivos). Ambos partirán das Minas de San Finx, ás 10:00 e ás 10:45 horas, para chegaren á meta instalada no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra (A Silva). O custe das inscricións en ambos casos é de 15 euros.

As dúas probas compartirán un percorrido común nos seus primeiros 6 quilómetros, ata Ponte Gaiteira, que serán os mesmos realizados nas dúas edicións anteriores. En Ponte Gaiteira, o Trail Longo desviarase cara Vilacoba e enlazará con parte do percorrido realizado no I Trail Nocturno de Lousame o pasado verán. Así, os participantes percorrerán Servia, Culou, Toxosoutos, Cabanetán, dende onde percorrerán canda o río Capitán cara Béxeres, O Castro (onde pasarán por diante das papeleiras de Fontán) ata chegar ao polideportivo da Silva. Pola súa banda, o Trail Curto desviarase dende Ponte Gaiteira cara Aguieira, Seoane, Aldeagrande, Filgueira, Maxide e o polideportivo Pilar Barreiro Senra.

A III Andaina “Minas de San Finx”, evento solidario en favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), inclúe un percorrido de 14 km de dificultade baixa. Neste caso, as inscricións teñen un prezo de 6 euros e todo o recadado será destinado a esta asociación lousamiá que traballa na investigación desta enfermidade ultrarrara e dexenerativa. Este ano haberá tamén un “Dorsal 0” para aquelas persoas que non poidan asistir e que doarán 1 euro á ASGPOH. O ano pasado, a participación de 382 persoas permitiu recadar 2.655 euros.

A proba, que sairá ás 10:30 horas do poboado mineiro, fará un percorrido de 14 km por Gandarela, A Filgueira, Seixido, Maxide, Tállara, San Roquiño, Berrimes e o polideportivo municipal. Finalmente, o I Pequetrail “Minas de San Finx”, pendente aínda de acadar un número mínimo de inscricións tería lugar o sábado 28 de decembro, ás 16:15 horas, nun circuíto adaptado ás características da rapazada na contorna do polideportivo municipal da Silva sobre unhas distancias adaptadas ás idades dos participantes: 1 km, 2 km e 8 km, respectivamente. 

Comentarios