A Xunta de Goberno Local reparará os muros das rúas Pombal e Costiña do Monte

A Xunta de Goberno Local reparará os muros das rúas Pombal e Costiña do Monte
A Xunta de Goberno Local reparará os muros das rúas Pombal e Costiña do Monte

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, indicou que tamén se encargaron os proxectos para as tres actuacións co obxectivo de proceder á reposición da seguridade do tránsito

A Xunta de Goberno Local, en sesión extraordinaria e urxente, convalidou as actuacións provisionais de emerxencia realizadas nos muros das rúas Pombal e Costiña do Monte, así como as de rebacheo nos accesos ao parque empresarial de Costa Vella.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, indicou que tamén se encargaron os proxectos para as tres actuacións co obxectivo de proceder á reposición da seguridade do tránsito de persoas e de vehículos.

Así mesmo, a Xunta de Goberno Local acordou iniciar o procedemento de actualización do Plan de emerxencias municipal, aprobado en 2013, para que inclúa unha revisión detallada da situación dos diversos elementos de risco potencial existentes – muros, árbores e elementos de mobiliario urbano ou ornamentais como chemineas, cornixas, fiestras, etc), así como as iniciativas necesarias a adoptar de carácter preventivo.

A respecto da revisión de muros por parte doutras administracións, o rexedor comunicou que xa se están realizando os requirimentos pertinentes. En concretos, requiriuse ao Sergas para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas no muro exterior do psiquiátrico de Conxo situado do lado da fervenza, e ao Consorcio, para que proceda do mesmo xeito no muro da Selva Negra que linda co viario a Figueiras. No que se refire aos muros privados, tramitáronse dous requirimentos.

OUTROS ASUNTOS

Nesta mesma Xunta de Goberno deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago de Compostela e o Club Victoria para o ano 2019 por importe de 10.000 euros, así como da renovación da consideración do Concello de Santiago como aula de referencia do Plan de inclusión dixital de Galicia por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para 2020.

Comentarios