Denuncian a falta de transparencia na contratación do festival O Son do Camiño

Denuncian a falta de transparencia na contratación do festival O Son do Camiño
Denuncian a falta de transparencia na contratación do festival O Son do Camiño

Ánxeles Cuña lembrou que para realizar unha contratación a través dunha negociación privada sen publicidade, ten que haber unhas condicións de excepcionalidade

O Grupo Común da Esquerda denunciou a semana pasada a falta de transparencia da Xunta de Galicia na contratación do festival O Son do Camiño. A deputada Ánxeles Cuña sinalou que “posiblemente estamos diante dun dedazo, ao non darse os criterios que xustifican unha adxudicación negociada sen publicidade” tras unha pregunta formulada á directora da Axencia de Turismo de Galicia (ATG), Nava Castro, na Comisión 1ª do Parlamento sobre esta contratación.

“Preguntámonos como se pode ter tanto descaro para actuar así, eliminando a competencia. Estamos diante do que cremos unha vulneración de dereitos”, criticou Cuña. A deputada engadiu que “non se entende como se fai tan descaradamente un concurso sen concorrencia competitiva, se non é porque hai unha suculenta cantidade que supón a metade do orzamento para 2020 da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), 5.475.000 euros en dous anos, o que tamén pon en evidencia o maltrato ao que somete o goberno do PP á cultura galega. Posiblemente estamos diante dunha falta absoluta de transparencia na toma dunha decisión excepcional, sen xustificación aparente e con efectos perxudiciais porque non hai razón de extrema urxencia, existían outras alternativas e non se nos dan argumentos que o desmintan”.

Nesta liña, Ánxeles Cuña lembrou que para realizar unha contratación a través dunha negociación privada sen publicidade, ten que haber unhas condicións de excepcionalidade. “A limitación dos principios de publicidade e concorrencia ten un carácter excepcional e obxectivo, que só procede cando hai causas moi claras, como que só se poida encomendar a unha empresa ao non haber outras que poidan facelo (non é o caso), que haxa urxencia (non é o caso) ou que a empresa teña a exclusividade dos grupos contratados (tampouco parece ser o caso)”, indicou. “As normativas estatal e comunitaria son moi claras: o procedemento negociado sen publicidade require de informes motivados que xustifiquen a existencia dunha única empresa. En todo caso, a Axencia de Turismo será responsable das consecuencias dunha posible decisión errada pola súa banda”, destacou.

A deputada afondou en que “a resposta da directora da ATG só incide no éxito e o no retorno deste festival, que non era o tema, e que conta con informes favorables da asesoría xurídica e da intervención. Documentos que poderían publicarse para evitar dúbidas, xa que non aparece nin memoria xustificativa. Parece ser que foron eliminados arquivos, que houbo unha primeira adxudicación corrixida, e desde logo, non houbo igualdade de oportunidades entre outras empresas”.

Por último, Cuña aclarou que “non temos nada en contra da celebración de festivais e eventos destas características, sempre e cando se fagan con transparencia, que non se vulneren os dereitos e os criterios non sexan creados polo propio adxudicador. A contratación pública debe respectar as normas e por iso pedimos aclaracións á directora da ATG. O mesmo faremos co conselleiro de Cultura, xa que todas as demandas son infrutuosas”.

Comentarios