A Xanela do Maxín e Xarop Teatre protagonizarán o XXIV Festival de Títeres de Brión

A Xanela do Maxín e Xarop Teatre protagonizarán o XXIV Festival de Títeres de Brión
A Xanela do Maxín e Xarop Teatre protagonizarán o XXIV Festival de Títeres de Brión

A entrada é libre e de balde ata completar o aforo do local

Un ano máis, e xa van 24 seguidos, os monicreques regresan a Brión en Aninovo para celebrar con todas as crianzas as festas de Nadal cunha nova edición do tradicional Festival de Títeres. Un evento que este ano inclúe dous espectáculos teatrais das compañías A Xanela do Maxín (Galicia) e Xarop Teatre (Valencia), que terán lugar os días 2 e 3 de xaneiro, ás 17:30 horas, no centro social polivalente. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo do local.

Así, o xoves 2 de xaneiro A Xanela do Maxín presentará a obra “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”, unha divertida obra dirixida a crianzas dende os 2 anos de idade baseada no álbum ilustrado do mesmo título publicado por Kalandraka, ideado por Werner Holzwarth e Wolf Erlbruch. A montaxe corre a cargo de Celtia Figueiras e Luís Vallecillo, con monicreques de Marcelo Fernández, onde unha toupiña percorrerá a granxa investigando, moi indignada, cal dos animais lle deixou un cheirento pucho sobre a testa. Unha obra simpática e escatolóxica que provoca gargalladas e fai que os espectadores empaten coa pequena toupa, ferida no seu orgullo.

E o venres 3 de xaneiro, a compañía valenciana de teatro e títeres Xarop Teatre presentará “Los primeros burritos”, un espectáculo a cargo de Carles Benlliure e Rebeca Castro. Nel Dorian, un burro novo que vive a vida cunha inmensa curiosidade e inocencia, pasta e corre na súa pradería xunto con toda a súa familia. Pep, un león que é cazado mentres dorme e metido nunha gaiola de circo. Ningún dos dous alcanzouse a imaxinar o que ía pasar. Un día chegan os humanos, aos burros e ao león cámbialles a vida para sempre.

Comentarios