Os Reis Magos chegarán a Sigüeiro este domingo 5 de xaneiro

Os Reis Magos chegarán a Sigüeiro este domingo 5 de xaneiro
Os Reis Magos chegarán a Sigüeiro este domingo 5 de xaneiro

Ás 18:15 horas, as Súas Maxestades serán recibidas na Casa do Concello pola corporación municipal, presidida polo alcalde Manuel Mirás Franqueira

O Concello de Oroso celebrará este domingo, día 5 de xaneiro, a súa tradicional Cabalgata e Festa de Reis, que este ano chega chea de novidades e sorpresas.

A comitiva de Melchor, Gaspar e Baltasar, composta por máis de cen persoas, sairá ás 18:00 horas do CEIP do Camiño Inglés para facer un percorrido polas rúas de Sigüeiro: avenida de Compostela (N-550), rúa do Portiño, rúa Insua, praza de Alexandre Bóveda, rúa do Medio, rúa do Portiño, avenida de Compostela, praza da Foca, avenida da Grabanxa, rúa do Concello, rúa Río Lengüelle, avenida de Compostela e rúa do Xuncal ata a praza Isaac Díaz Pardo.

Ás 18:15 horas, as Súas Maxestades serán recibidas na Casa do Concello pola corporación municipal, presidida polo alcalde Manuel Mirás Franqueira. Acto seguido, a comitiva dirixirase ata o pavillón de deportes a través da rúa Camiño Inglés e da rúa Pablo Iglesias.

A chegada ao polideportivo está prevista ás 19:00 horas, onde terá lugar unha gran festa infantil con Troi, inchables, animación musical, xogos, karaoke, entrega de premios e lambonadas para todos os nenos e nenas. O polideportivo non abrirá as súas portas ata pasadas as 18:30 horas.

“Estamos preparados para recibir aos Reis Magos, cunha tarde chea de maxia e ilusión que sorprenderá aos nenos e nenas de Oroso”, asegura a concelleira de Cultura, Vanesa Boo.

Para garantir a seguridade dos centos de persoas que asistirán á cabalgata, o Concello de Oroso ten preparado un dispositivo especial integrado por membros da Policía Local e Protección Civil de Oroso, que se encargarán de velar polo correcto desenvolvemento do evento.

Comentarios
Lo más