Todo listo para a cabalgata de Reis de Ribeira

Todo listo para a cabalgata de Reis de Ribeira
Todo listo para a cabalgata de Reis de Ribeira

A concelleira de Cultura, María Sampedro, explicou os principais detalles desta multitudinaria comitiva que partirá ás 18 horas do recheo portuario e que estará integrada por dez carrozas, encabezadas por un tren infantil con cincuenta meniños a bordo

arredor de cincocentas persoas están inmersas na organización da Cabalgata de Reis que, un ano máis, circulará polas rúas da cidade ribeirense o 5 de xaneiro.

A concelleira de Cultura, María Sampedro, explicou os principais detalles desta multitudinaria comitiva que partirá ás 18 horas do recheo portuario e que estará integrada por dez carrozas, encabezadas por un tren infantil con cincuenta meniños a bordo. Tocante ás carrozas, en tres delas viaxarán Melchor, Gaspar e Baltasar, mentres que as outras sete estarán ocupados por pequenos e pequenas de sete asociacións locais: Amencer, Alfaia, Francisco Lorenzo Mariño, Aires de Dorna, Asociación de Veciños de Carreira, Amas de Casa e Flor de Toxo. Todas elas estarán engalanadas con temática do mundo dos contos, con refrerencias a personaxes como Pulgarcito, Alicia no País das Marabillas ou Hansel e Gretel. 

PERSONAXES CINEMATOGRÁFICOS

Como acompañamento musical, tamén formarán parte do desfile o grupo Andavía de música tradicional, as charangas Os Santiaguiños e BB+, a fanfarria Furruxa, a banda de Barro e a banda de Cristo de la Buena Muerte de Ferrol. Ademais, a modo de novidade, tamén participarán tres coñecidos personaxes cinematográficos e televisivos que farán as delicias de toda a cativada: Elsa de “Frozen”, Woody de “Toy Story” e Peppa Pig. Como é habitual, ao longo do itinerario repartiranse caramelos entre os espectadores. Este ano a organización conta con 1.500 kilos, 300 máis que o ano pasado.

O itinerario do desfile é similar aos últimos anos: logo de chegar as súas maxestades ao recheo no medio dun espectáculo pirotécnico, saíran ás 18 horas e enfilarán polo Malecón ata a rotonda da praza da Concordia, irán por rúa Galicia ata a praza de Compostela, rúa Romero Ortiz, outra vez Malecón, rúa Rosalía de Castro, Alcalde Fernández Bermúdez, rotonda da Serea, Rosalía de Castro e praza do Concello. Melchor, Gaspar e Baltasar dirixiranse á veciñanza dende o balcón consistorial, onde tamén farán o tradicional sorteo de agasallos, e logo baixarán ata os soportais para saudar aos rapaces. Alí terán ao seu dispor uns novos tronos.

BELÉN VIVINTE

Outra das novidades deste ano, segundo adiantou María Sampedro, é a recuperación dun Belén Vivinte logo de 26 anos sen emprender esta acción e grazas á iniciativa da asociación Alfaia. Estará emprazado nos soportais do Concello a partir das 18 horas.

A edil tamén enfatizou a importancia da seguridade. Colaborarán neste punto axentes da Policía Local, GAEM, Protección Civil e diversos voluntarios, entre os que fixo especial mención nos integrantes de ICE Renovación.

Ao igual que edicións anteriores haberá un Punto de Recollida de Nenos Perdidos que estará situado na Casa do Concello a partir das 17.30 horas. Ademais, tamén haberá un Punto de Auxilio de Protección Civil para atender calquera incidencia que puidese haber.



Comentarios
Lo más