Noia retira o lixo dun vertedoiro incontrolado na Pastoriza

Noia retira o lixo dun vertedoiro incontrolado na Pastoriza
Noia retira o lixo dun vertedoiro incontrolado na Pastoriza

O concelleiro de Medio Ambiente, Martín Fernández Godón, explica que “nesta ocasión a maioría do material retirado é vidro, sobre todo lúas de vehículos, pero tamén lixo e mesmo cueiros"

O Concello de Noia vén de retirar o lixo do primeiro vertido incontrolado do ano, nesta ocasión de plásticos e de vidro nunha parcela da Pastoriza, na parroquia de Roo. O concelleiro de Medio Ambiente, Martín Fernández Godón, explica que “nesta ocasión a maioría do material retirado é vidro, sobre todo lúas de vehículos, pero tamén lixo e mesmo cueiros, que deberían ter sido depositados no punto limpo para a súa correcta reciclaxe”.

O concelleiro aproveita a ocasión para lembrar que Noia dispón dun punto limpo no polígono de Augalevada onde depositar este tipo de refugallos. Unha instalación que vén de ampliar o seu horario en 5 horas e media á semana e que está aberta de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas; os sábados, de 9:00 a 14:00 horas; e os xoves, de 16:00 a 20:00 horas. 

Ademais, o punto limpo tamén abre en horario de tarde, de 16:00 a 19:00 horas, o primeiro e último sábado do mes. Así mesmo, os veciños e veciñas de Noia dispoñen tamén dun servizo de recollida de enseres (chamando ao 981 19 12 40) e outro de recollida de aparellos, residuos eléctricos e restos de obra o cuarto martes de cada mes (previa solicitude no Concello ou no 981 84 21 00). 

Comentarios