Criticas da oposición pola falta dos orzamentos para este 2020 en Santiago

Criticas da oposición pola falta dos orzamentos para este 2020 en Santiago
Criticas da oposición pola falta dos orzamentos para este 2020 en Santiago

Os populares lembroulle ao alcalde que os orzamentos xa poderían terse presentado, que “tal cousa é posible, posto que os Populares, no ano 2014 foron quen de aprobar unhas contas en forma e prazo, entrando en vigor o 5 de xaneiro de 2015”

O vicevoceiro do Grupo Municipal Popular, Ramón Quiroga, ofreceu onte unha rolda de prensa para denunciar a falta de acción do Goberno de Sánchez Bugallo que, tras sete meses de mandato, aínda non ten feito nada para sacar adiante os orzamentos da cidade. Quiroga subliñou que parece que este equipo de Goberno “viaxa nun tren de vía lenta, cun ritmo de xestión do século pasado, que está a afectar claramente á xestión da vida da veciñanza”.

O vicevoceiro Popular remarcou que, cando xa temos entrado o ano 2020, nada parece sinalar que a dinámica vaia mudar, posto que “non existe previsión de que as contas da capital de Galicia vaian a estar listas antes dos meses de marzo ou abril, polo que non é moi difícil deducir que se perderá un ano de mandato”.

Con esta situación e cunha cidade na que só se fan as tarefas mínimas e imprescindibles do día a día, os santiagueses vense sumidos “nun ritmo de xestión do século XX, así que Sánchez Bugallo debería ter en conta que, desde que el fora o alcalde de Santiago, alá polo 1999, xa temos mudado de século e as obrigas municipais esixen agora outro ritmo de traballo, moi lonxe da máquina lenta e pesada na que parece estar subido”.

Ata o de agora, nada se coñece sobre o Plan Director do Xacobeo; os Plans estratéxicos de Santiago de Compostela e do de Turismo; o Plan de Conectividade e Integración de Conxo, nin o Plan de estudo sobre Peleteiro, salvo que esta parcela foi merecedora de librarse da suspensión das licenzas de Uso Turístico, que si afectan ao resto do territorio santiagués. Tampouco temos novas de servizos máis básicos para a cidade, como son os da auga, a limpeza e o lixo e o transporte, entre outros moitos.

Na súa intervención, Ramón Quiroga lembroulle ao alcalde que os orzamentos xa poderían terse presentado, que “tal cousa é posible, posto que o Grupo Municipal Popular, no ano 2014, nunha situación moito máis adversa e en menos tempo, aprobou unhas contas en forma e prazo, posto que no mes de novembro xa estaba presentado o novo orzamento de 2015, de 104 millóns de euros, e o 5 de xaneiro de 2015 entraban en vigor”.

Quiroga insistiu en que o Partido Popular manterá total colaboración co Goberno local para sacar os orzamentos adiante, “coa temor de que, finalmente, Sánchez Bugallo remate inclinándose máis por ter como socio prioritario a Compostela Aberta e o populismo da esquerda, como aconteceu coas ordenanzas fiscais”.

Así mesmo, o concelleiro Popular destacou tamén que desde o seu Grupo esixiráselle ao Goberno local que sexa totalmente transparente nos novos orzamentos 2020, “os veciños deben saber en que se van gastar os seus cartos, con detalle, sobre todo, cando nunha situación de histórica excelencia económica non se quixeron baixar os impostos”.

“Imos demandar que as partidas orzamentarias veñan acompañadas de indicadores económicos que establezan claramente e cuantifiquen os obxectivos; e pediremos unha avaliación do gasto en todo momento”, destacou.

ORZAMENTOS TÉCNICOS ESTÉRILES

Quiroga reiterou que desde o Partido Popular estará aberto a unha negociación transparente para a veciñanza, sempre con lealdade institucional como se lle ofreceu publicamente nos orzamentos técnicos, que se presentaron e aprobaron con extrema urxencia, en pleno mes de agosto, pero que ata o de agora non demostraron valer para nada, só para ter perdido un ano”. 

Por outra banda, Quiroga lembrou ademais que, no pasado mes de setembro, o Grupo Popular ofreceu un plan fiscal ao Goberno municipal, pero a escusa do equipo de Sánchez Bugallo para non aceptalo foi afirmar que o Concello non tiña cartos, cando, días despois, quedou demostrado que o que realmente está a pasar é que non son quen de executar nin un só euro do superávit existente de case 20 millóns de euros, polo que non quedou máis remedio que dedicar a maior parte a adiantar os cartos aos bancos, deixando a débeda en mínimos históricos.

Finalmente, o vicevoceiro Popular insistiu na necesidade de que o Goberno de Sánchez Bugallo se sitúe no século XXI, posto que a cidade de hoxe en día demanda outra forma de traballar, máis dinámica e moderna, que sitúe a Santiago na vangarda e non a deixe fundirse na desidia de séculos pasados.

Comentarios