Califican de "escandaloso" a chamada de Bugallo para a reunión dos orzamentos "sen dar un documento previo para falar"

Califican de "escandaloso" a chamada de Bugallo para a reunión dos orzamentos "sen dar un documento previo para falar"
Califican de "escandaloso" a chamada de Bugallo para a reunión dos orzamentos "sen dar un documento previo para falar"

Se nin sequera hai borrador é imposíbel que os Orzamentos vaian a Pleno no mes de xaneiro, o que supón que despois das negociacións e alegacións será un primeiro trimestre perdido para a súa execución”, explicou a voceira do BNG

A voceira do BNG, Goretti Sanmartín, afirmou que o Concello de Santiago “continúa nun impás de non ter a estas alturas de ano nin un borrador, o que nos parece unha desidia por parte do Goberno municipal”. “Levamos meses agardando a que houbese unha proposta de Orzamentos enriba da mesa para poder falar e conforme vai pasando o tempo, menos tempo queda para poder executar”, sinalou, co que logo se converten “en cuestións prometidas mais non realidades cumpridas”. 

O BNG recibiu unha chamada para unha reunión sobre os orzamentos pero parece “escandaloso” que sexa para unha convocatoria “e non para dar un documento, un texto, unha proposta de primeiro borrador para comezar a falar”. “Se nin sequera hai borrador é imposíbel que os Orzamentos vaian a Pleno no mes de xaneiro, o que supón que despois das negociacións e alegacións será un primeiro trimestre perdido para a súa execución”, explicou. 

Recordou tamén que Santiago conta cun Goberno en minoría “que necesita o apoio doutras forzas para sacalos adiante e desde logo parece insuficiente unha chamada para un primeiro contacto para o 10 de xaneiro”.

Sinalou que este Goberno de Bugallo ten “moi pouca axilidade, moi pouca rapidez e moi pouca capacidade para poñer enriba da mesa cuestións tan importantes como os Orzamentos municipais, que son os que marcan as políticas sociais, de desenvolvemento, de necesidades de barrios, de parroquias, rural e urbano e as principais liñas de traballo”.

Comentarios