Licitan a escavación da muralla do Castro da Cidá

Licitan a escavación da muralla do Castro da Cidá
Licitan a escavación da muralla do Castro da Cidá

A intervención ten un orzamento de 199.386 euros, IVE incluído, e está cofinanciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia

O Concello de Ribeira acaba de sacar a licitación unha intervención arqueolóxica consistente na escavación e posta en valor da muralla do recinto superior do Castro da Cidá. Trátase da terceira actuación que se vai efectuar sobre este milenario asentamento fortificado emprazado no cumio do monte da Cidá e que tantos interesantes descubrimentos está propiciando.

A intervención ten un orzamento de 199.386 euros, IVE incluído, e está cofinanciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, segundo a resolución sobre a concesión dunha subvención ao abeiro da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020 que xestiona a asociación Deloa.

TRES LIÑAS DEFENSIVAS

De acordo coas investigacións levadas a cabo ata o momento, Castro da Cidá posuía tres liñas de defensa formadas por dúas murallas terraplenadas exteriores e, na parte máis próxima ás cabanas, por un terraplén rematado en parapeto circundando a plataforma superior ou croa. A intervención focalizarase neste último parapeto, nun espazo de aproximadamente 304 metros cadrados, cunha lonxitude aproximada de 53 metros e entre 5 e 6 metros de anchura.

Ademais da escavación propiamente dita, a actuación inclúe a restauración e consolidación desta área e a posta en marcha dun plan de divulgación e posta en valor que comezará dende o mesmo momento en que se inicie o traballo de campo, con visitas durante toda a intervención nas que o equipo arqueolóxico atenderá as inquietudes que se plantexen.

OS TRABALLOS TEÑEN UNHA DURACIÓN DE DOUS MESES

As primeiras escavacións desenvolvidas en Castro da Cidá tiveron lugar entre abril e outubro de 2014 ao abeiro do primeiro proxecto Ribeira Atlántica, que estivo cofinanciado con fondos europeos FEDER e que, partindo dun descoñecemento case total do que había soterrado, sacaron á luz restos dun castro en moi bo estado detectando 15 cabanas vinculadas á Idade de Ferro e unha caseta-vixía adscrita ao século XVIII.

En datas similares do 2015 levouse a cabo unha segunda fase, desta vez sufragada con fondos LEADER xestionados por Deloa e puxo de manifesto outras sete cabanas de granito das que se consolidaron cinco, amén de pequenos muros segmentados e a presenza de indicios da muralla-parapeto obxecto da presente intervención.

A día de hoxe tan só está intervido e estudado un 5% da extensión total do xacemento do Castro da Cidá, datada na Idade de Ferro e cunha superficie estimada de 21.620 metros cadrados.

Comentarios