Goretti Sanmartín pide transparencia á hora de negociar os orzamentos municipais

Goretti Sanmartín pide transparencia á hora de negociar os orzamentos municipais
Goretti Sanmartín pide transparencia á hora de negociar os orzamentos municipais

O alcalde dá síntomas de debilidade ao partir da posibilidade de ligar a aprobación dos Orzamentos do primeiro ano a unha cuestión de confianza, sinala

A portavoz do grupo municipal BNG, Goretti Sanmartín, presentou as propostas que trasladará ao Goberno local para a negociación dos Orzamentos de 2020. Propón incluír partidas específicas para o Pacto do Rural, os aparcadoiros de xestión pública no campus sur e en Belvís, un Plan de Emprego Xuvenil, un Plan de mobilización de vivenda baleira para contribuír a abaratar os prezos de alugueiro, a descentralización de actividades extraescolares e actividades de conciliación, xunto co compromiso para facer unha planta de compostaxe, o proxecto do Espazo de Monicreques e escenografías de Kukas, o Centro de Fotografía e o Conservatorio de Danza de Compostela, entre outros.

Goretti Sanmartín considerou “moi pouco transparente” comezar unha negociación orzamentaria sen que o Goberno local entregue un documento por escrito e cualificou de “pouco fiábel esa indefinición do alcalde, que non quere trasladar a idea de o orzamento ser un documento político, que marca as políticas que se van desenvolver e cales son os camiños que quere transitar o Goberno: se vai priorizar política social ou o investimento nos barrios e no rural”, por exemplo. “Parece que todo iso lle é indiferente cando pon enriba da mesa que negociará con uns e outros e, sobre todo, dá síntomas de debilidade ao partir da base de que en todo caso irá a unha moción de confianza”, advertiu. “Para o BNG, a transparencia tamén debía ser unha obriga institucional, algo que dista moito do xeito de negociar imposto desde a Alcaldía, cando o lóxico non é só recoller propostas da oposición, senón presentar as súas para podérmolas valorar”, destacou a portavoz nacionalista en Raxoi.

Deste xeito, trasladou as propostas do BNG para o desenvolvemento de Santiago no próximo ano “para incluíren no orzamento se queren que o BNG facilite a súa aprobación” e referiuse á inmediata realización de obras urxentes que entende que o Goberno local xa considera prioritarias, como a revisión e mantemento dos muros en distintos puntos da cidade, a cuberta da piscina de Sar e diferentes obras en infraestruturas deportivas.

Sinalou tamén actuacións comprometidas con anterioridade, algunhas delas tras iniciativas do BNG, que ficaron sen facer: Campo da Festa do Castiñeiriño, actuacións na rúa do Valiño, aparcadoiro de Altiboia, experiencia piloto de parques cubertos do Castiñeiriño e das Fontiñas, actuacións no Castelo da Rocha, dotación dun centro para as persoas sen fogar, Plan de mellora urbanística e accesibilidade do barrio da Estila (Oviedo, Coimbra, Ultreia…), monumento de Homenaxe a Ánxel Casal e ás persoas represaliadas tras o 36.

Propón incluír unha partida específica para o Plan do rural, “que non pode reducirse aos 2 millóns de euros que a Deputación da Coruña dá a través do POS-Plan Único de Concellos, co compromiso de se ir incrementando ano a ano para rematar coa discriminación das persoas que viven no rural”.

Na negociación entra tamén a construción dun aparcadoiro de xestión pública no Campus Sur, para o que baralla tres posíbeis localizacións: praza do Seminario de Estudos Galegos e Facultade de Farmacia, debaixo do campo de fútbol ou debaixo do estanque. O obxectivo é recuperar a residencia para o conxunto da poboación e reducir significativamente o aparcamento de coches en superficie ao tempo que se gañan prazas para dar servizo ao comercio de proximidade. “Este aparcadoiro ten que ser público, como Xoán XXIII e Belvís, única maneira de conseguir un abaratamento das tarifas dos que funcionan en réxime de concesión”, explicou. Ao mesmo tempo, propón desenvolver o convenio coa USC que garanta o arranxo no campus, sobre todo no referido a unha boa iluminación. Fixo referencia ademais á realización do proxecto de aparcadoiro soterrado en Belvís para valorar a súa viabilidade, co obxectivo de lle dar servizo á praza de abastos e á Cidade histórica, ao tempo que se eliminan os coches en superficie.

Outro dos puntos vai encamiñado á dotación dun Servizo de Seguimento e Control dos contratos de servizos públicos externalizados, segundo expuxo en rolda de prensa.

Reclama ademais o impulso da iniciativa do BNG de apoio ás familias e situacións de monoparentalidade. Nesa liña, require un plan de actividades extraescolares e actividades de conciliación para ofertar a todos os centros con maior dotación económica para teren prezos máis baixos para as familias, xunto coa coordinación da programación con outros departamentos e maior descentralización das actividades, para alén do CEIP de Monte dos Postes e do CEIP Raíña Fabiola estenderse a Roxos, Lavacolla e Quiroga Palacios.

O BNG reivindica a inclusión dun Plan de Emprego xuvenil, que podería estar inscrito noutras liñas de actuación en materia de políticas activas de emprego, “mais terá unha abordaxe e un orzamento diferenciados”. Medidas como incentivos fiscais, formación, axudas de estabelecemento, redefinición da política de viveiros empresariais, axudas directas a empresas locais co obxectivo de crear novos postos de traballo ou cláusulas específicas a ter en conta na contratación pública do Concello. Velarase para que se cumpran os convenios laborais das empresas que ofrecen servizos municipais en réxime de concesión, para frear a precariedade e para traballadoras e traballadores teren un salario digno, sinalou.

Do mesmo xeito, reclama un Plan de mobilización da vivenda baleira e política para incrementar e baixar o prezo das vivendas en réxime de alugueiro.

Aposta tamén pola recuperación do Palacete da Finca do Espiño e o estudo da compra da totalidade da finca para se acrecentar ás zonas verdes de Compostela.

“Coa seguranza de que o modelo SOGAMA está esgotado e que se queremos ser referencia en políticas ambientais, Santiago ten que ser o concello que se dote dunha planta de compostaxe que dea servizo á comarca, compromiso de traballar nesa liña e, cando menos, realización dun proxecto para a súa construción”, destacou.

Outras das propostas do BNG van dirixidas ao compromiso para ter o proxecto do Espazo de Monicreques e escenografías de Kukas, do Centro de Fotografía e do Conservatorio de Danza.

Comentarios