Santiago disporá de 117 millóns de euros para o 2020, con máis investimento no social

Santiago disporá de 117 millóns de euros para o 2020, con máis investimento no social
Santiago disporá de 117 millóns de euros para o 2020, con máis investimento no social

O orzamento elaborado polo Goberno municipal alcanza case os 117 millóns de euros, o que supón un 6% máis que en 2019

A concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, deu conta en rolda de prensa dos liñas fundamentais do orzamento do Goberno local para 2020, que ascende a case 117 millóns de euros e no que destacan o incremento do gasto social e dos investimentos. As contas entran agora na fase de negociación co resto de grupos municipais, co obxectivo de levalos a pleno no mes de febreiro.

O orzamento elaborado polo Goberno municipal alcanza case os 117 millóns de euros, o que supón un 6% máis que en 2019. Nesta cantidade inclúese un importante incremento do gasto social, que se sitúa en máis de 4,6 millóns de euros (un 10% máis que en 2019). Segundo explicou a concelleira, o maior aumento neste apartado derívase do Servizo de Axuda no Fogar, cun millón de euros máis, ata situarse nos tres millóns.

Marta Abal tamén salientou o incremento na área de Educación, cun orzamento de 4,7 millóns de euros (un 17% máis que en 2019). Esta suba ten a súa causa principal nos incrementos dos contratos de xestión da Escola Municipal de Música, do servizo de limpeza e conserxería de centros escolares e da xestión das escolas infantís municipais.

Un apartado do orzamento que acaparará unha importante suba, en torno ao 20%, é o dos que a concelleira chamou "grandes contratos". En particular, Marta Abal referiuse aos novos contratos do servizo de limpeza viaria e recollida do lixo ou do servizo mantemento de zonas verdes, que se prevé adxudicar no último trimestre do ano e cuxos prezos haberá que actualizar despois de varios anos de vixencia. No caso do contrato de parques e xardíns, o contrato tamén recollerá unha ampliación dos ámbitos incluídos, que supón igualmente un incremento da partida.

As prestacións culturais tamén rexistrarán un incremento, que Marta Abal cifrou nun 3% máis respecto a 2019. Finalmente, destacou o incremento na área de Comercio, Promoción Económica e Mercados, con máis de 1,1 millóns de euros (un 38% máis que en 2019) destinados á dinamización económica da cidade.

14,5 MILLÓNS PARA INVESTIMENTOS

O capítulo 6 de investimentos, que corresponde executar directamente ao Concello, alcanza os 14,5 millóns de euros (un 160% máis que en 2019). Salientan as partidas destinadas aos proxectos europeos Smartiago, con máis de 1,1 millóns de euros, e Edusi, con 2,9 millóns de euros.

Neste capítulo tamén son significativas as partidas destinadas á restauración de muros, ao selado do vertedoiro de Aríns, á reurbanización de Concheiros (incluída no convenio de mellora das entradas dos Camiños de Santiago e orzamentada en 1,6 millóns de euros) ou os estacionamentos previstos no Castiñeiriño ou Altiboia (400.000 e 200.000 euros, respectivamente). Tamén neste apartado se inclúe o acordo plenario sobre o Plan Director das Instalacións Deportivas Municipais (500.000 euros). Finalmente, a concelleira de Economía e Facenda destacou o importante esforzo orzamentario para a mellora do rural de Compostela, cunha previsión de gasto de máis de 2,8 millóns de euros.

O apartado de investimentos, recalcou Marta Abal, incrementarase sensiblemente grazas ao cumprimento do período medio de pago, o que permitirá destinar remanente de tesourería a gastos financeiramente sostibles. 

Comentarios