A Área Sanitaria Compostelá ten activo o plan de contixencia da gripe

A Área Sanitaria Compostelá ten activo o plan de contixencia da gripe
A Área Sanitaria Compostelá ten activo o plan de contixencia da gripe

Ata o de agora téñense contratado 82 profesionais a maiores para atender o incremento de doentes ingresados desde urxencias

A Área Sanitaria de Santiago xa ten contratado, polo de agora, a 82 traballadores para atender o incremento de demanda de atención urxente que se ven producindo desde finais de 2019 (5 médicos, 33 enfermeiras, 32 auxiliares de enfermería e 12 celadores). A estas contratacións para atender os ingresos hospitalarios debido ao repunte de urxencias hai que sumar o incremento estrutural do cadro de persoal do servizo de urxencias xa rexistrado o pasado ano (28 profesionais). Para dar resposta a este incremento de ingresos urxentes habilitáronse 68 camas máis no complexo hospitalario. 

Desde o primeiro caso de gripe, detectado a principios de decembro, houbo 24 doentes ingresados con gripe, dos que 13 están ingresados, 4 deles na UCI. Desde principios deste ano ata hoxe ás 14,00 horas, o servizo de urxencias do Hospital Clínico atendeu 4.643 urxencias de adultos das que 873 precisaron ingreso hospitalario, o que supón o 18.02%. 

A contratación de persoal e o incremento de camas para dar resposta ao aumento da presión da demanda de atención sanitaria urxente iniciouse antes de que comezase o 2020 e realízase ao abeiro do Plan de Continxencia da Gripe para a Tempada 2019/2020, no que se determinan as actuacións previstas na xerencia compostelá para garantir a axeitada organización de medios e a atención asistencial á súa poboación durante a época da gripe. 

Dito plan ten un marcado carácter multidisciplinar, xa que foi elaborado entre a dirección asistencial e os responsables dos servizos de Urxencias, Medicina Preventiva, Medicina Interna, Pneumoloxía, Atención Primaria, Pediatría, Microbioloxía e Admisión, tanto por persoal  facultativo como de enfermería.

Se ben aínda está a iniciarse a onda epidémica (declarada a pasada semana en Galicia) durante as últimas semanas xa se veñen producindo diversos días de repunte asistencial no servizo de urxencias, especialmente de doentes maiores crónicos con pluripatoloxía aqueixados de infeccións respiratorias e con descompensacións da súa patoloxía de base. As maiores necesidades de ingreso destes pacientes implicaron que nalgúns días a porcentaxe de ingreso hospitalario fose do 20 % das urxencias atendidas, cando a media ao longo do ano é de preto do 14%.

O Plan destaca a necesidade de que a atención da gripe e a patoloxía respiratoria nos doentes sans debe realizarse preferentemente nos 76 dispositivos de Atención Primaria da área compostelá, onde se debe tratar para evitar as consecuencias máis graves debidas á infección; atender os picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais; prestar a mellor asistencia aos doentes con gripe garantindo o normal funcionamento do resto do hospital; minimizar posibles brotes e contemplar os procedementos alternativos para dar resposta ao incremento da demanda.

Nel se definen os protocolos a seguir nos casos sospeitosos, tanto na atención primaria como na hospitalaria así como os criterios básicos de ingreso hospitalario. Tamén se especifican medidas organizativas para a axilización da asistencia cando o incremento de afluencia de pacientes o require, así como medidas de reforzo de persoal, habilitación de espazos específicos e acopio de material pertinente. Activación de circuítos para axilización e notificación das altas hospitalarias, así como do procedemento de ingreso desde urxencias. 

CAMPAÑA DE VACINACIÓN

A Área Sanitaria de Santiago e Barbanza rexistrou unhas 101.000 vacinas no marco da campaña de vacinación contra a gripe que se iniciou o pasado 14 de outubro e que rematou o venres 27 de decembro. Isto supón case 3 puntos máis de cobertura que o ano pasado (8.300 persoas máis).

Das persoas vacinadas, unhas 65.700 pertencen ao grupo obxectivo de 65 ou máis anos, o que significa unha taxa de cobertura do 61% neste tramo de idade. O colectivo de 75 ou máis anos acadou unha taxa de vacinación de máis do 67%.

Sanidade recorda que aínda está a tempo de vacinarse todas aquelas persoas que o desexen e non o teñan feito nalgún dos preto de 80 puntos de vacinación repartidos por toda  a área sanitaria. As vacinas estarán dispoñibles durante este mes de xaneiro.

É importante protexerse fronte á gripe, xa que esta vacina non só limita o número de casos, senón que diminúe as posibilidades de que aparezan formas severas a enfermidade e reduce o risco de complicacións, hospitalización e morte.

A campaña de vacinación vai dirixida ás persoas de 60 ou máis anos de idade; embarazadas e persoas pertencentes a grupos de risco: aquelas con patoloxías cardíacas, respiratorias, renais, endócrinas, persoas con cancro ou outras inmunodeficiencias, con obesidade mórbida ou con disfunción cognitiva, entre outras. 

Comentarios