Denuncian as saturacións das Urxencias de Santiago de Compostela

Denuncian as saturacións das Urxencias de Santiago de Compostela
Denuncian as saturacións das Urxencias de Santiago de Compostela

Malia existir unha previsión de incremento de afluencia nos servizos de Urxencias e de incremento das hospitalizacións, mantivéronse tamén camas pechadas ata o último momento aseguran dende o Grupo Común da Esquerda

O Grupo Común da Esquerda denuncia que a falta de previsión da Consellería de Sanidade estea a levar os galegos e galegas, un ano máis, a sufrir saturacións nos servizos de Urxencias. "A previsión que se tiña que ter feito en relación ás necesidades de persoal para cubrir o incremento das enfermidades respiratorias que acontece todos os anos en inverno non se levou a cabo. A realidade é que os reforzos que se están a dar nos servizos de Urxencias son absolutamente puntuais e insuficientes para cubrir o incremento de asistencias que se está a dar", denunciou Eva Solla, quen rexistrou varias iniciativas ao respecto esta mañá no Parlamento.

Malia existir unha previsión de incremento de afluencia nos servizos de Urxencias e de incremento das hospitalizacións, mantivéronse tamén camas pechadas ata o último momento. A raíz disto, producíronse situacións coma a da pasada fin de semana no Hospital de Santiago de Compostela, onde 38 doentes agardaban por unha cama de hospitalización. "Estamos a ver durante estes días en cidades como Vigo, Pontevedra, Ferrol ou A Coruña como a Xunta alonga ata o último minuto a apertura das camas que ten pechadas. Ademais, os reforzos dos servizos de Urxencias son limitados no tempo e non resolven a necesidade permanente de máis persoal nos servizos de Urxencias e hospitalización e nos Puntos de Atención Continuada", expuxo a deputada.

O Grupo Común da Esquerda considera que os recortes en Atención Primaria -onde, nalgúns centros, hai esperas de ata unha semana- e nas distintas especialidades do sistema sanitario fan que incremente o número de asistencias aos servizos de Urxencias, que tampouco están a ser reforzados. Por este motivo, nas iniciativas rexistradas solicítanselle á Xunta explicacións e información a respecto do número de persoas que se empregaron para reforzar estes servizos, da duración que teñen eses contratos e do motivo polo que non se están a abrir a totalidade das camas. "Solicitamos tamén que se cubran esas necesidades de incremento de persoal, tanto nos PAC como nos servizos de Urxencias, e desde logo nos servizos de hospitalización. Entendemos, ademais, que esta solución é previsible cada ano e polo tanto era evitable que volvesen saturarse deste xeito os servizos de Urxencias", apuntou finalmente Eva Solla. 

Comentarios
Lo más