Concello e Xunta reforzarán as limitacións dos pisos turísticos

Concello e Xunta reforzarán as limitacións dos pisos turísticos
Concello e Xunta reforzarán as limitacións dos pisos turísticos

Facilitouse ademais a ferramenta coa que a Xunta poderá localizar a partir de agora de xeito máis preciso as vivendas afectadas pola nova moratoria acordada polo Concello de Santiago que entrou en vigor en decembro

O Concello de Santiago e a Xunta de Galicia participaron este mércores na primeira reunión do equipo de traballo entre ambas institucións para intensificar a coordinación e colaboración ao redor das vivendas de uso turístico.

No encontro, no que participaron os concelleiros de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón, e de Turismo, Sindo Guinarte, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acordouse intensificar a coordinación coa Policía Local á hora de facilitar á Administración autonómica a identificación dos propietarios e propietarias dos inmobles, así como informar sobre os que identifiquen que poden ser irregulares. Preténdese así reforzar a cooperación co corpo de inspección da Xunta de Galicia.

Facilitouse ademais a ferramenta coa que a Xunta poderá localizar a partir de agora de xeito máis preciso as vivendas afectadas pola nova moratoria acordada polo Concello de Santiago que entrou en vigor en decembro. Segundo esta decisión urbanística municipal, prohíbese a utilización das vivendas para actividade turística nesas áreas e, no marco das competencias de cada Administración, dende a Xunta estase a respectar esa decisión, rexeitando as solicitudes de vivendas de uso turístico situadas nas áreas afectadas.

Puxéronse tamén sobre a mesa as diferentes novidades que entraron en vigor este mesmo ano e que facilitarán o labor de inspección, especialmente a obrigatoriedade de incluír o número de rexistro de todas as vivendas de uso turístico naquelas plataformas informáticas nas que se oferten. Este número de rexistro é o que figura no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT).

A reunión de onte terá continuidade con diferentes encontros técnicos que se realizarán nos próximos días, así como comisións de seguimento para ordenar de xeito conxunto entre todas as institucións e axentes implicados esta modalidade de aloxamento. 

Comentarios
Lo más