O edificio Cersia acollerá unha xornada de presentación local do proxecto Trafair

O edificio Cersia acollerá unha xornada de presentación local do proxecto Trafair
O edificio Cersia acollerá unha xornada de presentación local do proxecto Trafair

A xornada, que será inaugurada polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, contará con catro mesas redondas nas que se abordarán diversos ámbitos deste programa

O vindeiro xoves 23 de xaneiro, o edificio Cersia será a sede da presentación local do proxecto europeo Trafair. A xornada, que será inaugurada polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, contará con catro mesas redondas nas que se abordarán diversos ámbitos deste programa.

O Concello de Santiago é un dos socios participantes no proxecto europeo Trafair, que ten como obxectivo analizar a calidade do aire e a contaminación derivada do tráfico. A iniciativa, liderada pola universidade italiana de Módena, supón un investimento total de 2,2 millóns de euros. Desa cifra, a Compostela 170.000 euros, dos que o 75% proceden de fondos FEDER e o resto de fondos municipais.

O proxecto Trafair ten como obxectivo proporcionar ás administracións públicas ferramentas para coñecer a calidade de aire dentro da cidade. Así, o Concello mercará sensores de baixo custo de tráfico e contaminación e instalaraos en diferentes puntos da cidade, como a praza de Vigo, a praza de Galicia, a praza Roxa ou Virxe da Cera.

Os dez dispositivos previstos mediarán o nivel de partículas contaminantes e permitirán coñecer os fluxos de circulación das partículas contaminantes no aire. Unha vez recompilados e analizados os datos, desenvolveranse aplicacións móbiles para elevar a concienciación sobre a contaminación atmosférica urbana e crearanse ferramentas de control efectivas pensadas para as administracións.

PRESENTACIÓN E MESAS REDONDAS

Sobre estas e outras cuestións falarase na xornada que se celebrará no Cersia o 23 de xaneiro. Inauguraraa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, nun acto no que tamén participarán Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC; Patricia Argerey Vilar, presidenta do CESGA e directora da Axencia Galega de Innovación; e María Cruz Ferreira Costa, directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A continuación, José Ramón Ríos Viqueira, do Departamento de Electrónica e Computación, COGRADE – CITIUS (USC) e director do proxecto Trafair, Nodo Santiago de Compostela, será o encargado de explicar os detalles do programa. Tras esta presentación, celebraranse catro mesas redondas, coas seguintes temáticas: "Proxectos Smart Cities: experiencias locais en mobilidade urbana sostible", "A contaminación nas cidades: o reto para a mellora da calidade do aire, impactos e medidas correctoras", "Sensorización e infraestruturas hardware e software" e "Modelos de tráfico e contaminación".

MÁIS DE DOUS MILLÓNS DE EUROS E OITO SOCIOS EUROPEOS

O proxecto ten unha duración de 24 meses, ata finais de outubro de 2020. A Universidade de Módena é xefe de fila do proxecto, no que ademais do Concello de Santiago tamén participan as universidades de Florencia, Zaragoza e Santiago, o concello de Módena, a rexión de Toscana, e Lepida SpA, o organismo creado pola rexión italiana de Emilia-Romagna para a implementación da Axenda Dixital. O orzamento total é de 2,2 millóns de euros, dos que case 1,7 millóns procederán de fondos europeos FEDER.

Comentarios
Lo más